A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O Sindicato Labrego apoia a folga contra o cambio climático integrado no Movemento Galego polo Clima

O Sindicato Labrego apoia a folga contra o cambio climático integrado no Movemento Galego polo Clima

26 de Septembro do 2019

Folga galega polo clima

Na Galiza, o 18 de setembro presentábase oficialmente a que vai ser a primeira folga global para demandar un cambio nas políticas de cara a frear o cambio climático o 27 de setembro. E fíxose dende o Movemento Galego polo Clima, unha plataforma que agrupa máis de 50 organizacións da nosa terra entre as que se atopa o Sindicato Labrego Galego.

Ese día, tamén se presentaba o MANIFESTO que apoiamos dende as organizacións e que queremos que entre na axenda das diversas administracións e gobernos, que semella que sempre teñen outras prioridades que atender antes de facer nada para enfrontar esta crise. Precisamente, o manifesto comeza pedindo que se declare de maneira inmediata a emerxencia climática e que se tomen as medidas concretas necesarias para reducir rapidamente a cero as emisións netas de efecto invernadoiro.

Os últimos informes do IPBES (Plataforma Intergobernamental de Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos) alertan de que o aumento da temperatura global provocará o deterioro irreversible de ecosistemas terrestres e mariños e a extinción dun millón de especies, achegándonos a un punto de non retorno fronte ao cambio climático.

No punto de mira, o actual sistema dominante de produción e consumo sería o responsábel dunha mudanza “que pon en risco a nosa supervivencia e impacta de maneira inxusta especialmente nas poboacións máis pobres e vulnerables do mundo. Non responder con suficiente rapidez e contundencia á emerxencia ecolóxica e civilizatoria suporía a morte de millóns de persoas, ademais da extinción irrevogable de especies imprescindibles para a vida na Terra”.

As organizacións asinantes pedimos que se declare “a emerxencia climática e se tomen as medidas concretas necesarias para reducir rapidamente a cero as emisións de gases con efecto invernadoiro. E isto só se pode acadar “abandonando o uso de combustibles fósiles e apostando por unha enerxía 100% renovable”.

Un informe da Unión Europea prognostica secas máis severas para Galiza

No eido agrícola, coñecemos recentemente un informe da Axencia Europea de Medio Ambiente, dependente da Unión Europea, que advirte de riscos para a agricultura galega por mor das secas máis severas. Este informe afirma con rotundidade que “a produción agrogandeiro diminuirá e mesmo terá que ser abandonada en partes do sur de Europa e rexións mediterráneas por mor do incremento dos impactos negativos do cambio climático”.

Aínda que Galiza non será das zona máis afectadas, que estarán en torno á rexión xeográfica do Mediterráneo, si advirte que deberemos prepararnos de aquí en diante para unha maior escaseza de auga. O informe di textualmente que "na área mediterránea en particular, incluíndo a maior parte de Portugal, Galicia en España, o norte de Escandinavia e a Turquía mediterránea, o incremento da severidade das secas será máis pronunciado". En concreto, na Galiza, especialmente no suroeste da nosa terra, a perda de humidade estaría entre o 12% e o 24%.

Mobilizacións clima

SLG clima