A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A desidia da Xunta bloqueou os traballos de prevención de lumes até finais de agosto e favorece as pragas forestais

A desidia da Xunta bloqueou os traballos de prevención de lumes até finais de agosto e favorece as pragas forestais

19 de Septembro do 2019

Diego Sánchez Agra

A Plataforma “Por un monte galego con futuro” compareceu hoxe, 19 de setembro, nunha rolda de prensa en Compostela, para denunciar, tras o verán, o incumprimento total de boa parte das medidas contempladas no Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais en Galiza (Pladiga) e das desastrosas políticas forestais que se están a levar a cabo dende a Xunta. As persoas encargadas de representar a vintena de colectivos que forman parte de “Por un monte galego con futuro” foron (aparecen de esquerda a dereita nas fotografías): Manuel da Cal (Fruga), Susana Méndez (CIG), Xosé Santos (Amigos da Terra), Belén Rodríguez (Adega), Xosé Alfredo Pereira (Organización Galega de Comunidades de Montes) e Diego Sánchez Agra (Sindicato Labrego Galego).

No que se refire á estratexia de loita contra os lumes, fixo augas por todas partes. As circunstancias climáticas deste verán, con ceos habitualmente anubrados e choivas, foron o gran aliado da Xunta para evitar unha nova vaga de incendios que, lamentablemente, estoupou definitivamente en setembro cando se deron as circunstancias climáticas propicias para os lumes. 

En concreto, debemos denuciar que a Xunta non fixo o mantemento das estruturas de defensa contra os lumes (cortalumes, devasas, faixas auxiliares, etc.) nos montes de xestión propia e nos conveniados. Ademais, na orde de axudas para prevención de incendios en montes veciñais en man común e sociedades de fomento forestal (Sofor), a Consellería de Medio Rural resolveu no último día de prazo e a notificación foi publicada no DOG 21 días despois, o 15 de xullo. Isto provocou que non se recibisen até finais de agosto as comunicacións para poder iniciar os traballos de prevención, tendo de prazo para a execución dos mesmos até o 31 de outubro.

Por outra banda, nas últimas semanas de agosto aínda se estaban a publicar nos boletíns provinciais as convocatorias de selección de persoal para as brigadas municipais que, polo tanto, non estarían operativas ata ben entrado setembro. Isto foi provocado polo afán da Xunta de descargar tarefas nos concellos (incendios, velutina, xestión de gando mostrenco, xestión de faixas de prevención, etc.), con convenios moitas veces sen dotación nin seguimento, o que fai que, por exemplo, houbese un gasto importante en autobombas que agora non están operativas.

O groso do orzamento desvíase a medios aéreos privados e ao convenio co exército

Onde realmente inviste a Consellería de Medio Rural o orzamento destinado a prevención e defensa contra incendios forestais é nos contratos dos medios aéreos con grandes empresas que fan negocio co lume e no convenio co exército. E isto faise a costa de manter as brigadas nunha situación moito máis precaria, tanto en recoñecemento profesional como en nivel salarial, en medios humanos e en medios materiais e de prevención de riscos laborais. E iso a pesares de que son, precisamente as brigadas, as que están en primeira liña e as que se xogan a vida apagando os lumes.

En definitiva, a Xunta segue sen prestarlle atención algunha á prevención e, cando o fai, faino tarde, mal e arrastro, queimando o groso do orzamento en labores de extinción e na utilización de medios aéreos.

A xestión da praga do nematodo do piñeiro en Galiza está a ser desastrosa, favorecendo a súa expansión pola Península Ibérica

No tocante á xestión de pragas, tampouco se está a facer unha grande aposta polo control e as medidas de prevención, e hai un caso recente que é bastante significativo: o nematodo do piñeiro. Despois da súa entrada en Galicia, no sur da provincia de Pontevedra, e de ter que declarar a zona en corentena -coa obriga de retirar toda a madeira afectada-, xa en 2016 a Unión Europea cuestionou as medidas de seguimento, control e trampeo implantadas pola Xunta.

O pasado mes de agosto foi detido en Ourense un empresario por cortar miles de toneladas de madeira na zona demarcada, que foron vendidas a diversos puntos de Galicia e do Estado Español, espallando así a praga por un territorio moi amplo. Aínda que a persoa detida é a responsable das “trampas” que fixo para realizar esas cortas, isto non tería acontecido se os protocolos de control estivesen ben deseñados e implementados sobre o terreo.

A Xunta non está a usar as súas propias ferramentas e os controis están recaendo maioritariamente na Policía e Garda Civil, sen apoio do corpo de Axentes Forestais. Tamén é sabido o continuo intercambio de madeira con Portugal sen ningún tipo de control a través das pistas forestais que comunican ambas rexións.

Por outra banda, a comisión de seguimento creada a petición das organizacións sociais e sectoriais carece totalmente de contido e non se realizan xuntanzas periódicas que permitan o seu funcionamento.

A política de montes elabórase sen participación social e cidadá

Todas estas eivas están enmarcadas dentro dunha política forestal á deriva e dependente dos grandes intereses especulativos.

Neste senso, non se está a contar coas organizacións sociais e sectoriais para a análise da situación e a elaboración de propostas para a política forestal de Galicia.

Nas últimas xuntanzas do Consello Forestal de Galicia, o conselleiro do Medio Rural non escoitou as propostas en materia forestal que realizaban as organizacións presentes, aludindo sempre aos ditames da Comisión Parlamentaria sobre os Lumes como únicas propostas a ter en conta para o desenvolvemento dos programas e accións en materia de montes.

Agora resulta que o Grupo de expertos de apoio á Comisión do Parlamento de Galicia sobre Incendios Forestais está a piques de publicar un documento de respostas ás cuestións recollidas no ditame desta comisión parlamentaria, o que significa que sete persoas escollidas polos grupos parlamentarios serán as que marquen a política forestal a aplicar nos vindeiros anos para os montes de Galicia.

Diante disto, outra vez máis temos que denunciar a escasa participación cidadá, a través das organizacións sociais e sectoriais, na elaboración das políticas nacionais, incumprindo tódalas directrices europeas ó respecto.

Rolda Por un monte galego con futuro