A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. ContraMINAcción organiza un seminario sobre o impacto das drenaxes acedas e os depósitos de refugallos mineiros

ContraMINAcción organiza un seminario sobre o impacto das drenaxes acedas e os depósitos de refugallos mineiros

21 de Xuño do 2019

Seminario contramina

A plataforma ContraMINAcción está ultimando os preparativos do seminario técnico “Impacto ambiental das drenaxes ácidas de mina e depósitos de residuos mineiros”, que se celebrará en Compostela o 29 de xuño. Para poder levalo a cabo contará cun especialista de prestixio internacional: o doutor Steven H. Emerman.

O doutor Emerman é un recoñecido consultor internacional en hidroloxía e especialista na avaliación da afectación ambiental das explotacións mineiras. É doutor en Xeofísica pola Universidade de Cornell, máster en Xeofísica pola Universidade de Princeton e licenciado en Matemáticas pola Universidade Estatal de Ohio. Ten 31 anos de experiencia no ensino universitario de hidroloxía e xeofísica e 66 publicacións científicas na materia. Como consultor independente, ten traballado para empresas mineiras, organismos públicos e organizacións non-gobernamentais. Na Galiza, o Dr. Emerman ten elaborado informes técnicos sobre o impacto ambiental da mina de Touro e da mina “San Finx” (Lousame).

O seminario tentará afondar en conceptos relativamente descoñecidos para o público xeral e activista, e sistematicamente ignorados polo sector mineiro e as administracións responsábeis do seu control. Por iso, está dirixido tanto a activistas ambientais como a técnicas/os das administracións autonómica e local (dirección xeral de Enerxía e Minas, Augas de Galicia, Medio Rural, Calidade Ambiental, etc.), estudantes universitarias e directoras/es de explotacións mineiras e directivas de empresas mineiras. A inscrición é gratuíta para activistas, estudantes e técnicas das administracións, que terán preferencia na inscrición, até cubrir o limite de 30 prazas.

Para inscribirse é preciso enviar un correo electrónico a contacto@contraminaccion.org indicando nome e apelidos e a organización, administración ou empresa da que fai parte. No caso de persoal directivo ou ao servizo de empresas mineiras, indicaranse os prezos de inscrición e método de pagamento.

O Seminario terá lugar na sede nacional do Sindicato Labrego Galego, situado na Rúa Ofelia Nieto 13-23 (Compostela) e estará dividido en módulos de mañá (11:00 a 14:00) e de tarde (16:00-18:00), durante os que se desenvolverá o seguinte temario, sempre aberto a explorar outras cuestións e dúbidas das persoas asistentes:

  1. Introducción ao impacto ambiental da minaría

  2. Conceptos básicos: drenaxes ácidos de mina e tipoloxía de instalacións de residuos

  3. Propiedades dos relaves mineiros

  4. Técnicas de construción de presas de relaves

  5. Causas de fallas de presas de relaves

  6. Como previr as fallas de presas de relaves?

  7. Propiedades e impacto das drenaxes ácidas de mina

  8. As drenaxes ácidas de mina na minaría subterránea e a ceo aberto

  9. Como previr as drenaxes ácidas de mina?

  10. Casos de estudo: As presas de relaves das minas de San Finx e a presa de relaves proposta para a mina de Touro. A contaminación por drenaxes ácidas de mina nas minas de San Finx e Touro.

Seminario contramina