A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG fixo tres obradoiros para traballar polos dereitos das mulleres que sofren violencia e do colectivo LGTBIQ

O SLG fixo tres obradoiros para traballar polos dereitos das mulleres que sofren violencia e do colectivo LGTBIQ

4 de Decembro do 2018

Sen prexuízos no rural

A finais de novembro, baixo o título “Sen prexuízos no rural”, a Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego rematou unha serie de tres obradoiros cos que tentamos achegarnos máis á realidade que sofren as mulleres que padecen situacións de violencia e ás persoas dos colectivos LGTBIQ que viven no rural, especialmente o da comarca compostelá. Esta actividade fíxose co apoio económico da Concellaría de Igualdade do Concello de Santiago, e contou co acompañamento da facilitadora Tareixa Ledo Regal.

A discriminación que sofren as mulleres rurais e labregas, así como a invisibilización da diversidade sexual e de xénero, acaban incrementando a vulnerabilidade das persoas afectadas se falamos do medio rural: a falla de servizos comunitarios e de apoio nos coidados, problemas no acceso á terra ou os impedimentos para poder participar na toma de decisións políticas, son algunhas destas desigualdades con respecto a ambientes urbanos que poden agudizar situacións de violencia. Tomar conciencia do contexto no que vivimos é un primeiro paso cara o apoderamento destas persoas, e esa foi a nosa intención ao realizar estes obradoiros, que estiveron dirixidos a tres grupos sociais distintos.

 

O primeiro dos obradoiros, con mulleres e colectivos feministas do rural de Compostela, fixemos unha valorización do papel da muller na historia, na política, no deporte, no desenvolvemento da actividade agraria e da sociedade en xeral. A maiores, tamén se fixeron actividades dirixidas a visibilizar as persoas e colectivos LGTBIQ e normalizar os seus dereitos. Precisamente, os colectivos LGTBIQ, tanto do ámbito urbano como do rural compostelán, xunto con mulleres, foron protagonistas do segundo obradoiro, orientado a sensibilizar contra os estereotipos e prexuízos que atentan contra a dignidade e os dereitos de lesbianas, gais, lesbianas, transxénero, bisexuiais, intersexuais e queer. Finalmente, o terceiro obradoiro estivo dirixido unicamente a homes, tamén coa finalidade de formar e sensibilizar sobre as cuestións e temas tratados nas dúas experiencias devanditas, como a violencia de xénero e os dereitos das persoas LGTBIQ.

 

 

Obradoiro prevención violencia