A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Betanzos acollerá este domingo un foro para analizar a enorme potencialidade da agroecoloxía na Galiza

Betanzos acollerá este domingo un foro para analizar a enorme potencialidade da agroecoloxía na Galiza

29 de Novembro do 2016

Foro Agroecoloxía

A vila de Betanzos acollerá este domingo, 4 de decembro, o primeiro Foro Labrego de Agroecoloxía, un evento que nace coa pretensión de converterse nun espazo de encontro para todas as persoas, colectivos e organizacións que apostan por unha produción de alimentos ecolóxica que vaia máis alá dos simples métodos de cultivo e sexa, entre moitas outras cousas, un factor activo de xeración de emprego, de sostibilidade ambiental, de saúde e de xustiza laboral. 

Así o explicaron na praza de abastos de San Agustín (A Coruña) un dos labregos que participan no mercado ecolóxico que se celebra aquí todos os martes, Mauro Álvarez Cortés; e a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, organización agraria que colabora neste evento organizado pola Asociación Herbamoura e financiado pola Deputación da Coruña.

Desta maneira, o foro abordará a agroecoloxía dende diversas perspectivas, como a produción e transformación de alimentos, ou as organizacións sociais e de consumo (podes descargar o programa na icona que atoparás no remate desta páxina).

Así, nas instalacións do antigo matadoiro de Betanzos, encargaranse de inaugurar o evento voces expertas como Xabier Simón, profesor do Grupo de Investigación de Agroecoloxía da Universidade de Vigo; Xoán Doldán, profesor do Grupo de Investigación de Bioeconomía da Universidade de Santiago; ou a propia Isabel Vilalba.

Na primeira mesa de traballo, teremos a testemuña de persoas que puxeron en marcha proxectos agroecolóxicos como Granxas Lousada (Irixoa), Daterra Viticultores (recuperación de viñedos en Manzaneda, Val do Bibei) ou Carabuñas (conservas e licores con bagas de sabugueiro en Vilar de Santos).

Unha segunda mesa abordará a transformación de alimentos, que é unha das principais carencias do sistema agroalimentario galego, especializado en producir materia prima barata para a industria que ás penas deixa valor engadido nos produtores e produtoras. Así, coñeceremos experiencias como a de Amayuelas de Abajo (Palencia), unha aldea agroecolóxica que, ademais das súas diversas producións, conta cun pequeno matadoiro artesanal; a Cooperativa Ribeira do Navia (Negueira de Muñiz), que fai transformación e venda directa de froitas e froitos do monte; ou Amarelante (Manzaneda), especializada na transformación e comercialización de castaña.

Finalmente, xa pola tarde, analizarase o consumo de alimentos dende unha perspectiva agroecolóxica con experiencias moi diversas en torno á venda directa como o Mercado da Terra de Lugo, a cooperativa de consumo Zocamiñoca (A Coruña), o sistema participativo de garantía (SPG) A Gavela (sur de Pontevedra) ou as comunidades que dan soporte a proxectos agrícolas das que nos falarán representantes de Urgenci International.

Unha vez coñecido todas estas experiencias, e despois de dialogar ao redor delas, as persoas participantes realizarán unha dinámica de traballo da que tirar as principais conclusións deste Foro de Agroecoloxía. Trátase, en palabras de Isabel Vilalba, de “entre todas as organizacións, colectivos e persoas que apostamos por esta visión da agricultura, sumar forzas e tecer redes que posibiliten a creación de novos proxectos, de identificar as dificultades para facelo e de atopar solucións para facilitar este proceso”.

Congreso Agroecoloxia 

Ficheiro adxunto