Tanto o Sindicato Labrego Galego (SLG) como a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) denunciamos na xuntanza da Interprofesional Láctea (Inlac) celebrada en Madrid, o 20 de abril, a ineficacia de deixar ao arbitrio de cada un dos 28 estados membros o control da produción leiteira na Unión Europea.
Precisamente, ese foi o tema de debate nesta reunión: a decisión do Consello de Ministros e Ministras de Agricultura da UE, do pasado 14 de marzo, de limitar a produción de leite de maneira voluntaria en cada país en virtude do artigo 222 do regulamento de Organización Común dos Mercados Agrarios (OCM) de cara a paliar a crise que sofre o sector.
Dende o Sindicato Labrego Galego, seguimos a defender un control da produción a escala europea para evitar excedentes que afundan os prezos e que garanta un equilibrio entre a oferta e a demanda. Para o SLG, o modelo de sector leiteiro a defender debe basearse nuns prezos mínimos para o leite que cubran os custes da actividade gandeira, nun sistema de produción sostible ambiental e socialmente e na aposta clara por manter activas miles de granxas por todo o territorio e non só unhas poucas de tipo intensivo e industrial.
Por iso, tanto o SLG como a COAG, pedimos na Inlac:
-
Instar ao Ministerio de Agricultura para que estableza alianzas con outros países comunitarios de cara a defender conxuntamente unha regulación pública da produción a escala europea e non estado a estado.
-
De maneira inmediata e diante da inminente aplicación do artigo 222 do regulamento da OCM, pedir que se garanta que a regulación voluntaria duns países non se utilice para que outros sigan aumentando a produción e incrementando a venta dos seus excedentes noutros estados. En caso de que o Estado Español desenvolva ferramentas para estabilizar o mercado leiteiro e evitar excedentes, debe garantir que en ningún caso aumenten as importacións nin de leite líquido nin de produto transformado de terceiros países.
-
De cara a aplicar o artigo 222, hai que compensar a aquelas granxas e cooperativas que reduzan voluntariamente a súa produción. Por iso, outra das demandas de COAG e SLG é que o Ministerio de Agricultura estableza un orzamento concreto e suficiente que garanta a aplicación desta medida.
-
A nivel interno, é de vital importancia que se garanta a recollida en todas as granxas e que os obxectivos de reducir a produción afecten a todas por igual. Non é defendible nin viable que unhas granxas ou comunidades se comprometan cun plan de diminución da produción mentres outras aproveitan a conxuntura para producir máis, seguindo coa espiral de aumentar os excedentes e afundir aínda máis os prezos.
No marco da Inlac, a industria e a distribución deben dar pasos para a implantación efectiva dunha cadea de valor sostible, con garantías para que as persoas produtoras teñan un prezo que lles permita manter a súa actividade profesional e levar unha vida digna. Neste senso, é necesario erradicar as practicas comerciais ilegais que sosteñen a posición de dominio e abuso de industrias e distribuidoras e que están obrigando a vender a perdas a miles de granxas.