A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG celebra este sábado o seu IX Congreso en Lugo baixo o lema “Terra, prezos dignos e soberanía alimentaria”

O SLG celebra este sábado o seu IX Congreso en Lugo baixo o lema “Terra, prezos dignos e soberanía alimentaria”

11 de Marzo do 2016

IX Congreso do SLG

Tras un proceso con máis de trinta asembleas comarcais que se desenvolveu durante o mes de febreiro, o Sindicato Labrego Galego celebrará, este sábado 12 de marzo, o seu IX Congreso baixo o lema “Terra, prezos dignos e soberanía alimentaria”, que terá lugar no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo. Con este lema o Sindicato Labrego quixo facer fincapé nas principais loitas que está a desenvolver en relación coa defensa da terra como dereito e recurso imprescindible para a produción de alimentos; e coa demanda duns prezos mínimos que recoñezan o labor esencial que os labregos e labregas exercen na sociedade e dignifiquen o exercicio da súa profesión.

Precisamente, nos propios textos congresuais que se someterán ao debate da afiliación no Congreso, sinálanse as políticas agrarias neoliberais desenvolvidas pola Xunta, o Ministerio de Agricultura e a Comisión Europea como causa directa dunha crise xeneralizada nos sectores agrogandeiros que se caracteriza por síntomas como os prezos ruinosos para labregos e labregas, especialmente en producións gandeiras como o do leite, o de vacún para carne, cunícola e porcino. A isto habería que engadir outras consecuencias das políticas vixentes como o envellecemento galopante da profesión agraria, en particular, e do medio rural, en xeral, cun éxodo de xente nova cara aos centros urbanos; a perda masiva de postos de traballo vinculados aos sectores agrogandeiros; o incremento da dependencia alimentaria de Galiza, que cada vez ten unha menor capacidade para cubrir a súa demanda interna de alimentos; etc.

Así as cousas, o actual sistema agroalimentario posibilita que as grandes multinacionais da distribución e da industria alimentaria exerzan unha posición de dominio absoluto na cadea de valor, acordando e fixando prezos ao seu antollo e perpetrando todo tipo de abusos sobre as granxas que lles fornecen de materia prima, que fican sempre indefensas pola complicidade dos gobernos cos grandes poderes económicos. As institucións políticas están a desmantelar os escasos controis de mercado e de produción que existen, como aconteceu co sistema de cotas lácteas, suprimido en abril de 2015 para provocar unha das peores crises de prezos e sobreprodución sufrida polo sector lácteo europeo nas últimas décadas.

Datos obxectivos como que menos dun 5% das persoas titulares das granxas galegas teñen menos de 40 anos, mentres que o 60% pasa dos 60; ou que das 827.000 persoas dedicadas ao agro que tiñamos nos anos 50 do século pasado (70% da poboación activa), pasouse ás 59.000 de 2012 (5’5%); testemuñan que a nosa agricultura sufriu a reconversión máis brutal da historia de Galiza experimentada por calquera sector profesional, cunha perda do 93%. E como exemplo do devandito, o relatorio saca a colación ao sector lácteo, no que pasamos de ter 112.000 granxas cando entramos na Comunidade Económica Europea, a unhas 9.000 na actualidade.

Loita contra os tratados de libre comercio e o acaparamento de terras

O relatorio do IX Congreso do SLG tamén chama a atención sobre as ameazas concretas que roldan a nosa agricultura, dende a especulación brutal pola terra, que se expresa en problemáticas como o acaparamento de terras pola minaría salvaxe; á tentativa da Unión Europea de asinar tratados de libre comercio, como o Transatlantic Trade and Investment Partnership (TTIP) cos Estados Unidos, que serían letais para moitos sectores agrogandeiros.

A cuestión da terra é especialmente significativa, xa que na Galiza temos só un 24% do territorio como superficie agraria útil, cun 65% da terra para usos forestais; fronte a outros países europeos onde rolda o 50% a superficie dedicada a fins agrarias. Precisamente, a loita contra a forestación ilegal de terras agrarias tivo especial protagonismo para o SLG nos últimos catro anos, con numerosas accións de denuncia nunha campaña levada a cabo en solitario e na que a Xunta se fixo cómplice das persoas infractoras coa súa pasividade. Tamén a colaboración con outros colectivos na plataforma contraMINAcción tivo un grande peso na actividade sindical do SLG, que apoiou a loita contra proxectos mineiros como o de extracción de ouro en Corcoesto, de feldespatos n’A Limia, ou de seixo na Terra Chá.

Unha vez máis, cómpre sinalar ao actual Goberno da Xunta o principal instigador destas tentativas de espolio da terra agraria, amparándoas con modificacións de normativas como a nova Lei de Montes, a Lei do Solo, as Directrices de Ordenación do Territorio ou o Plano Sectorial de Actividades Extractivas.

Fieis na demanda de soberanía alimentaria para Galiza

O relatorio do IX Congreso do SLG reafírmase na aposta decidida desta organización agraria polo dereito á soberanía alimentaria de Galiza: o dereito a decidirmos como pobo as políticas necesarias para dispor dunha alimentación sa, culturalmente axeitada, con métodos sostibles, dando prioridade á produción para o consumo local de alimentos, así como a capacidade de protexer ás produtoras e produtores de importacións a baixo prezo. Esta defensa da soberanía alimentaria complétase coa defensa dun modelo baseado na agroecoloxía e con prezos dignos para todas as producións agrogandeiras que cubran os custes de produción. E o SLG reivindica isto sabendo que non se trata de utopías, senón de metas alcanzables a través da adopción das políticas axeitadas por parte dos nosos gobernos.

Dous colectivos que teñen un protagonismo especial no relatorio do IX Congreso son a mocidade e as mulleres, para quen se demandan políticas especialmente orientadas para defender os seus dereitos.

A defensa do dereito a producir, comerciar e intercambiar sementes, ou a promover e conservar o noso patrimonio fitoxenético; a aposta por sistemas alimentarios locais; o dereito á auga e a loita contra a súa privatización; o rol fundamental da agricultura e do modelo produtivo para frear o cambio climático e a nosa dependencia enerxética do petróleo; facilitar o acceso á terra a quen a traballe e a reformulación do Banco de Terras; respectar o sistema de propiedade dos montes comunais e orientar a súa actividade cara un aproveitamento sostible e multifuncional; o rexeitamento rotundo dos tratados de libre comercio; ou o establecemento de alianzas do SLG con outros colectivos sociais e organizacións para sermos máis fortes naquelas demandas e obxectivos que teñamos en común; son cuestións que tamén se tratan a fondo no relatorio congresual e que formarán parte dos debates que a afiliación do SLG levará a cabo este 12 de marzo no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo.

Cambios estatutarios para dinamizar o traballo sindical

Nos debates deste sábado, que terán lugar de no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo, someteranse ao voto da afiliación varios cambios nos estatutos, entre os que destacan catro:

  1. A creación dun Encontro Anual, que se define como un espazo para a posta en común dos distintos órganos nacionais e comarcais, tanto transversais como sectoriais, do SLG, que se convocará cada ano de xeito ordinario.

  2. A creación dunha Secretaría de Mocidade, para organizar os afiliados e afiliadas menores de 40 anos e tratar directamente as súas problemáticas e demandas propias.

  3. A creación do Sector de Agroecoloxía.

En canto ao reparto de responsabilidades, trala formación da nova Dirección Nacional xurdida das asembleas comarcais, o pasado 3 de marzo, elexiuse unha equipa de quince persoas encabezada pola actual secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, para formar a futura Executiva do SLG. Posteriormente a este evento, celebraranse -ao longo de 2016- diversos congresos para elixir as direccións e persoas responsábeis de cada sector.

Faixa IX Congreso SLG