A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. O SLG apoia a manifestación contra a tentativa da Xunta de privatizar a xestión dos nosos montes

O SLG apoia a manifestación contra a tentativa da Xunta de privatizar a xestión dos nosos montes

20 de Novembro do 2014

Manifestación ORGACCMM

O Sindicato Labrego Galego quere expresar o seu total apoio á manifestación convocada pola Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), o vindeiro 22 de novembro, contra a tentativa de privatizar o noso monte comunal por parte da Xunta. Dende ORGACCMM, denuncian que, en virtude da Lei de Montes de Galicia, se no mes de agosto do ano 2016, as comunidades de montes que teñen os seus montes veciñais consorciados ou conveniados, non pagan o saldo debedor que teñen, estarán obrigadas a asinar un contrato de xestión que, ao contrario do que acontecía até agora, poderá ser cunha empresa forestal privada.

Para o Sindicato Labrego Galego, este mandado da Lei de Montes enmascara unha tentativa da Xunta de regalarlle un suculento bocado de 300.000 hectáreas de terras comunais a empresas privadas que, agora mesmo, teñen o acceso vedado a ese territorio propiedade da veciñanza das parroquias. É un suma e segue, tras décadas de entrega submisa de boa parte do noso territorio a un par de grandes empresas do sector forestal que utilizaron e utilizan o noso país como finca privada para o monocultivo de especies como o eucalipto, deixando aos nosos sectores agrogandeiros e á xente nova que quere incorporarse á actividade agraria sen base territorial para desenvolver a súa actividade profesional.

Esas políticas herdeiras do franquismo e continuadas polos diversos gobernos do Partido Popular na Galiza fixeron do noso país un dos que menos superficie agraria útil (SAU) ten da Unión Europea, co 22% no ano 2000 e, hoxe en día, moi probablemente por baixo do 20% (entre 1985 e 2005, Galiza pasou de ter 927.977 hectáreas de SAU a 520.505 ha). Boa culpa desta desfeita tena o desleixo interesado das nosas autoridades, que permitiron ao longo dos anos, en beneficio das industrias madeireira e papeleira, a usurpación das terras agrarias con forestacións ilegais. Agora, cunha lei creada ad hoc para esta fin, tócalle a quenda aos nosos montes comunais que, nunha visión miope e interesada das súas funcións, semella que só serven para facer monocultivos forestais intensivos ou parques eólicos. Sen embargo, ao longo dos séculos e, afortunadamente, aínda na actualidade, son moitas as comunidades que demostran que unha boa xestión do monte comunal é unha poderosa ferramenta para manter un medio rural vivo e xerar riqueza a través dun desenvolvemento baseado en actividades como o pastoreo ou a produción de froitos e madeira asociada a cultivos forestais sostibles.

Dende logo, a Consellaría de Medio Rural vai ter a frontal oposición do Sindicato Labrego Galego a calquera tentativa de privatizar a xestión do monte comunal ou de usurparllo ás súas lexítimas propietarias: as comunidades. Por iso, apoiamos as demandas da Organización Galega de Comunidades de Montes e estaremos o vindeiro 22 de novembro en Compostela apoiando a manifestación convocada para defender o noso mancomún.

Manifestación orgaccmm