A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. Máis dun cento de persoas esixen á Xunta de Galicia a activación dun Plan galego para o control da Velutina

Máis dun cento de persoas esixen á Xunta de Galicia a activación dun Plan galego para o control da Velutina

11 de Outubro do 2023

VelutinaLugo111023

Arredor de 150 persoas secundaron esta mañá en Lugo a concentración convocada polo SLG en demanda de medidas. Malia ao patente agravamento nestes últimos anos, a Xunta segue sen asumir as súas competencias fronte a esta especie invasora

Arredor de 150 persoas secundaron hoxe a concentración convocada diante da Xunta de Galicia en Lugo polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) para esixir á Administración galega que asuma as súas responsabilidades e poña en marcha de xeito inmediato medidas efectivas na loita contra a Vespa Velutina Nigrithorax.

De xeito concreto demandouse á Xunta a elaboración urxente dun Plan galego para a detección control e/ou erradicación da Vespa velutina nigrithorax, apoiado nun fomento da investigación sobre o ciclo biolóxico e comportamento da Vespa velutina na Galiza, así como o desenvolvemento de mellores ferramentas de trampeo -con trampas e atraíntes máis efectivas e menos perxudiciais para outras especies-, establecendo un protocolo e un plan coordinado coas distintas consellerías, a FEGAMP e os concellos.

No tocante ao impacto específico no sector agroalimentario, solicitouse a habilitación de axudas para a prevención dos ataques nos apiarios, prevendo a posibilidade de habilitar axudas polas perdas ocasionadas por esta especie. Tamén que se consideren as baixas ocasionadas pola Vespa velutina nigrithorax como causa específica de forza maior contemplada nos criterios de excepcionalidade que eximen do reintegro das axudas percibidas, tanto nas “Axudas á incorporación de persoas mozas á actividade agraria”, como nas “Axudas Agroambientais da PAC”.

A praga da Vespa velutina nigrithorax chegou á Galiza fai xa máis dunha década, da man da globalización e as prácticas de industrialización agroalimentaria que promoven as institucións públicas para beneficio das grandes corporacións, e que son totalmente contrarias á produción labrega e local.

A día de hoxe converteuse xa nun grave perigo para a saúde das persoas debido á alta presenza de niños, especialmente en núcleos de poboación, aparecendo incluso dentro das vivendas e nas súas inmediacións. Tamén no aspecto laboral o risco é crecente dende hai anos, tanto nos traballos forestais como nos agrícolas, complicando en gran medida a realización de certas tarefas durante o verán e o outono.

A nivel alimentario, praga da Vespa velutina provoca unha merma importante na produción de alimentos, afectando gravemente á produción apícola, de froita e de viño, quedando inservible para a comercialización ou a transformación. Nos apiarios, as colmeas colapsan chegando a mortalidades moi elevadas, que fan inviable a súa continuidade, chegando mesmo a poñer en perigo a incorporación de persoas mozas á actividade agraria. 

A nivel medioambiental o seu impacto é tamén patente: asistimos xa a unha diminución drástica na biodiversidade, por predación dalgunhas especies de insectos e por competencia polo nicho ecolóxico con outras moitas.

Durante todos estes anos, por medio de distintas organizacións e plataformas, foron trasladadas ó Goberno galego as necesidades en torno a esta problemática, chegando tamén ao Parlamento de Galicia. Este mesmo ano, dende o Sindicato Labrego Galego alertamos xa fai meses de que o elevado número de raíñas na primavera e a presenza temperá nos apiarios facía presaxiar que sería un ano especialmente complicado en canto á existencia de niños de Vespa velutina.

Esta alerta foi trasladada á Consellería de Medio Ambiente e á Consellería do Medio Rural en sendos escritos, onde se enumeraban as nosas propostas e se solicitaba unha xuntanza de urxencia. Ademais foi exposta a situación no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do 19 de xuño e no Consello Forestal de Galicia do día 23 de xuño. Lonxe de escoitar as demandas da sociedade, a Consellería de Medioambiente, Territorio e Vivenda, que é quen ostenta as competencias na materia, non respostou. Dende a Dirección Xeral de Gandeiría derivaron as responsabilidades no control da Vespa velutina á citada Consellería de Medioambiente e á Secretaría xeral técnica da Vicepresidencia segunda a través da empresa SEAGA.

No tocante ó Progama de vixiancia e control fronte á velutina, ademais da significativa merma de calidade que supuxo a supresión da atención persoalizada na recepción telefónica dos avisos, podemos constatar que a retirada dos niños se estivo a producir con alomenos 2 meses de retraso, debido en boa parte ó pouco persoal contratado, quedando as persoas traballadoras en situación de precariedade, cun gran número de niños sobre os que actuar diariamente en longas xornadas de traballo.

Esta falla de planificación e deixadez de responsabilidades está tendo tamén un impacto nos orzamentos e articulación dos servizos públicos galegos, ao ser preciso activar servizos sanitarios e de emerxencia precisamente para abordar os problemas derivados do retraso na extracción de niños. As consecuencias máis graves concrétanse, como lamentabelmente se veñen sucedendo nos últimos anos, en casos de persoas falecidas por ataques de Velutina.

 

A situación é insostíbel. Xunta actúa xa!