A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. A CMR ten as competencias para establecer medidas fronte a EHE, Conselleiro reacciona xa!

A CMR ten as competencias para establecer medidas fronte a EHE, Conselleiro reacciona xa!

21 de Septembro do 2023

mapa ehe

Preocupación nas granxas ante a posibilidade de que a ineficacia da CMR ca EHE acade o nivel de desleixo amosado ca lingua azul. Entre as medidas a activar, solicitamos que tanto a EHE como a lingua azul sexan incorporadas ao Agroseguro da ENESA

Dende fai meses, na maioría da Península Ibérica operan medidas restritivas aplicadas ao gando debido á afección da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE), polo que a súa chegada a Galiza era previsíbel. Esta enfermidade non se transmite a humanos, e o vector de transmisión nos animais susceptíbeis é o mesmo mosquito que transmite a Lingua Azul -non se transmite entre animais nin destes ás persoas-.

No día de onte a Consellería do Medio Rural (CMR) finalmente confirmou a través dunha breve nota aos medios de comunicación que finalmente foron detectados dous casos da EHE na Galiza, concretamente na Capela e en Abegondo. Hoxe o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) actualizou a situación da enfermidade na península, co que so quedan libres de restricións as provincias de Barcelona e Girona, a maiores das illas.

Cando as granxas inda estamos a padecer as complicacións de xestión e prexuízos económicos da desastrosa campaña de vacinación da Lingua Azul, atopámonos agora con que a Consellaría do Medio Rural está optando de novo por poñerse de perfil ante esta nova problemática, comezando pola falta de información, transparencia e medidas ca que está a renunciar a dar resposta inmediata aos casos de EHE detectados.

De feito, dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) temos constancia da existencia de máis concellos afectados pola enfermidade, o cal confirma as sospeitas de que existe un alto risco de que este departamento da administración pública ofreza outro lamentábel espectáculo de deficiencias en materia de saneamento animal, como o que leva meses dando ca Lingua Azul.

Existe preocupación nas granxas, e con razón. A Consellería non está contando cos axentes do sector nin traslada as súas intencións, malos hábitos que veñen caracterizando unha nefasta xestión e inoperancia que obviamente só poden derivar en que as problemáticas se compliquen cada vez máis, como ben sabemos co caso da Lingua Azul.

Porén, o MAPA si que está facendo monitorización da enfermidade. Se non produce moitas perdas, poderase deslistar a nivel europeo e acabar coas restricións de movementos a nivel intracomunitario. Pola contra se hai grandes perdas, non se poderá sacar a España do listado, polo que xa nunha xuntanza realizada o 13 deste mesmo mes, na que participamos as organizacións agrarias, solicitaron transparencia absoluta na notificación de sospeitas. Ás consultas realizadas polo sector ao MAPA ao respecto da pertinencia de desenvolver unha vacina para afrontar esta enfermidade, o sector considera que a priori non sería unha medida necesaria, xa que ademais os animais afectados por EHE desenvolven inmunidade á mesma.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas esiximos, en primeiro lugar, que a Consellaría do Medio Rural exista como tal, é dicir, como a área da Xunta de Galicia que ten que pór medidas reais, claras e contundentes para abordar todas aquelas problemáticas que afecten ao sector produtor de alimentos galego. Por outra, á vista dos datos, demandamos que tanto a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica como a Lingua azul sexan incorporadas ao Agroseguro da Entidade Estatal de Seguros Agrarios (ENESA), solicitude que a propia subdirectora da mesma se comprometeu a trasladar ao Ministerio.