A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. Voltamos dirixirnos á CMR, e tamén ao Ministerio, ante a persistencia de problemas ca vacinación da Lingua Azul

Voltamos dirixirnos á CMR, e tamén ao Ministerio, ante a persistencia de problemas ca vacinación da Lingua Azul

21 de Agosto do 2023

linguazaul2

Debido á mala planificación da campaña as granxas están tendo que financiar veterinarixs privadxs, incrementando os custos. Continúan as reaccións adversas á vacina na cabana gandeira, sen que se estea a realizar un seguimento rigoroso das mesmas

Os problemas ca campaña de vacinación da lingua azul persisten, tanto na Galiza como no resto do Estado. Sen embargo, como ven sendo sinal de identidade da actual Consellaría do Medio Rural, dita administración está optando por botar balóns fóra, de tal xeito que están sendo as granxas as que, a costa de incorrer en maiores gastos por ter que financiar vacinación privada, e maiores custos por perdas -derivados dos animais mortos ou danados logo da vacinación-, teñen que no día a día xestionar como capean esta situación.

Así o confirmamos á vista da última resposta do Director Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Silvestre José Balseiros Guinarte.

Malia a ser perfectamente coñecedor da realidade, Balseiros porfía en que a vacina é gratuíta, obviando a denuncia realizada dende varias comarcas nas que as granxas teñen que se facer cargo dos gastos da vacinación, ao tempo que noutras son os veterinarios oficiais os que cumpren as obrigas sanitarias. Este agravio comparativo xera discriminacións moi importantes, que non teñen máis explicación que a falta de persoal, como ao propio Balseiros corrobora na resposta dada ao SLG-CCLL, o que máis unha vez lévanos a un dos principais problemas de fondo: a nefasta planificación desta campaña de vacinación.

Por outra banda, a alusión que realiza ás indemnizacións por danos non podemos máis que ubicala nun exercicio de retranca deste noso DX de Agricultura, pois o prazo limitado para as mesmas, 48 horas logo da inoculación, obviamente imposibilita identificar e recoller rigorosamente os seus efectos secundarios, xa que estamos a ver incidencias ata mais aló das tres semanas, como mortes embrionarias, reabsorcións embrionarias ou as intolerancias a penicilinas que estamos a recoller a día de hoxe.

Aliás, as granxas están preocupadas porque esta nova versión da vacina, modificada logo de efectos secundarios adversos denunciados anteriormente, está a ser probada precisamente na Galiza, onde hai unha maior cabana de vacún, sen que se estea dar tempo a seguir os seus resultados ou establecer comparativas cos doutros territorios.

Antea falta de vontade de solucións patente na resposta dada pola CMR, dende o Sindicato Labrego Galego contactamos tamén co Ministerio de Agricultura -que argumentou non ter competencias- e dirixímonos novamente á Xefa do Servizo de Ruminantes, correspondente Subdirección Xeral de Gandaría da Consellería do Medio Rural, para reiterar a solicitude dunha xuntanza urxente na que poder abordar a campaña saneamento da lingua azul e medidas de control e erradicación desta enfermidade, a fin de concretar cal é o problema e afrontar unha posible solución ás granxas afectadas.

Para que unha actuación tan sensíbel como unha campaña de vacinación teña un correcto desenvolvemento hai que planificala de xeito rigoroso. E para dirixir unha Administración hai que estar o pé da xente, e non ignorar as alertas que está dando o sector. Pero a esta Consellaría está demostrando que non lle interesan as gandeiras e gandeiros, e moito menos as vacas, nin abordar o problema, mais ben dá a impresión de que están pola idea de prolongar no tempo este inferno burocrático no que nos meteron a gandeiras e gandeiros sen comelo nin bebelo.