A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. A Consellería de Medio Rural abandona as gandarías ante os problemas que lles está a ocasionar a vacinacións fronte a Lingua Azul

A Consellería de Medio Rural abandona as gandarías ante os problemas que lles está a ocasionar a vacinacións fronte a Lingua Azul

3 de Agosto do 2023

Linguazul

A descoordinación e falta de información da Consellaría do Medio Rural provoca preocupación e aumento de gastos nas granxas.  Sindicato Labrego Galego solicitou en varias ocasións unha xuntanza co Conselleiro José González, que sigue desaparecido

As comarcas de Chantada, Sarria e Deza están incluídas dentro das zonas restrinxidas fronte a Lingua Azul do Estado Español, conforme a lexislación vixente. Logo da campaña de vacinación masiva que se efectuou en todos os ovinos e bovinos dos concellos destas comarcas maiores de tres meses, o Sindicato Labrego Galego solicitou unha entrevista coa Consellería para falar sobre as consecuencias que esta vacinación está tendo sobre algunhas granxas, mais aló dos efectos secundarios xa denunciados fai unhas semanas. A Consellería non respostou. Solicitamos outra entrevista mediante escrito presentado o 19 de xullo.

Tal e como fixemos público xa na nota de prensa emitida o pasado 20 de xullo, e reiteramos no escrito á Consellería, está habendo problemas para mover os becerros que quedaron sen vacinar e que agora teñen máis de catro meses. Estes becerros, aínda que a nai estea vacinada, non se poden mover da granxa se non están vacinados. Quen os vacina? Veterinarios clínicos privados que, por suposto, cobran pola prestación dese servizo.

Ante esta situación, atopámonos con que a Consellería do Medio Rural non está facilitando información de ningún tipo. Está habendo vacinación de “repesca” deses becerros que quedaran sen vacinar, pero mesmo isto estase a facer sen ningún tipo de planificación e información ás granxas, que nos enteramos cando chaman pra dicir que veñen. Na web da Consellería figura que a partir do 1 de xullo iníciase unha campaña de continuidade e que hai “un operativo integrado por persoal dependente da Consellería do Medio Rural que actuará de forma ordenada e graduada”.

Pero, cal é a situación real? Explícao perfectamente esta afiliada do Sindicato Labrego Galego:

Eu estou nesa situación, no momento de querer vender os becerros non me deron a guía para poder levalos á feira, por non estar vacinados. Eles non vacinan, as da ADS tampouco, e os veterinarios que nos veñen pola casa non están autorizados. Estiven forzada a chamar a un veterinario que non coñezo e pagarlle o que me quixo cobrar, porque non hai quen o faga. A verdade é que é bastante escandaloso que eles non vacinan, non te avisan para que o fagas e os gandeiros cando queremos ou temos que vender os animais que eles deixaron sin vacinar non podemos. Nin sequera ós matadoiros. Temos que poñerlle as dúas doses e a ver se non temos que esperar aínda despois da segunda para poder vendelos. Un mes máis, teñamos ou non como mantelos, e sen outra solución.

Fronte a esta situación de abandono provocada pola descoordinación e desleixo da Consellaría, que está a ser causa de preocupación e a provocar perdas económicas nas explotacións, dende o Sindicato Labrego Galego reiteramos as nosas demandas ao conselleiro José González Vázquez:

Vacinación sen custe para as ganderías

  • Seguimento dos efectos das vacinas nos animais

  • Información de todo este proceso de forma áxil e eficaz: na web da consellería, na Oficina virtual de Gandaría (OVGAN), nas Oficinas Agracias Comarcais, etc.

  • Instamos á Consellaría a dar resposta a esta problemática que leva meses afectando ás gandeiras e gandeiros galegos e deixe de aludir a asunción das súas responsabilidades.

 
IMAXE: MINISTERIO DE AGRICULTURA