A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. O SLG reitera acordar unha xuntanza urxente coa CMR ante a problemática da lingua azul

O SLG reitera acordar unha xuntanza urxente coa CMR ante a problemática da lingua azul

20 de Xullo do 2023

Lingua azul

O 11 de xullo dirixímonos á Consellería de Medio Rural solicitando unha xuntanza coa persoa responsábel da área de vacinación animal sen recibir resposta. O protocolo do que fala a CMR debera ser público e as persoas que se encargan da vacinación dos animais, deberan ter informado da súa existencia.

 

As provincias de Ourense e Pontevedra e as comarcas veterinarias de Chantada, Sarria e Terra de Lemos – Quiroga, incluíronse dentro das zonas restrinxidas fronte á problemática da lingua azul do Estado Español, conforme a lexislación vixente. Despois da campaña de vacinación masiva que se efectuou en todos os ovinos e bovinos destes concellos maiores de tres meses, o Sindicato Labrego Galego solicitou unha entrevista coa Consellería para falar sobre as consecuencias que esta vacinación está tendo sobre algunhas granxas.

Dese xeito, o pasado 11 de xullo o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labrega, a través da súa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, dirixímonos á Consellería de Medio Rural para solicitar unha xuntanza coa persoa responsábel da área de vacinación animal co fin de concretar o grao de incidencias e afrontar unha posíbel solución á problemática da lingua azul. Ante ausencia de resposta por parte da CMR ao SLG -si que contestou ao xornal La Voz de Galicia pero á nosa organización non-, onte, mércores 19 de xullo, volvemos reiterar a nosa petición de xuntanza mediante outro escrito presentado nos rexistros correspondentes.

A escasa información da CMR

Para o Sindicato Labrego Galego e as gandeiras e os gandeiros afectados, parece unha brincadeira que a Consellería de Medio Rural diga que só hai 41 casos e 13 reclamacións de indemnizacións. Nin se informou de ningún protocolo, nin de prazos, nin aparece na páxina web da Consellería información de ningún tipo. O protocolo do que falan debera ser público e as persoas que se encargaron da vacinación dos animais, deberan ter informado da existencia dese protocolo. É imposíbel que haxa reclamacións se non coñecemos os prazos e os procedementos.

Non se trata só de indemnizacións, trátase de comunicar e documentar posíbeis efectos adversos dunha vacina a unha Administración pública que está pagando esas vacinas e que está facendo todos os protocolos para a vacinación masiva. Deberase ter interese en coñecer os posíbeis casos para actuacións futuras e non pechar calquera reclamación dicindo que é moi difícil establecer a relación.

Está sen resolver a cuestión das xatas que veñen sen vacinar de centros de recría e das crías de menos de tres meses no momento da vacinación. Na propia web da Consellería de Medio Rural recóllese que a partir do 1 de xullo imos ter unha campaña de continuidade e que hai “un operativo integrado por persoal dependente da Consellería do Medio Rural que actuará de forma ordenada e graduada”. Con todo, a día de hoxe, non sabemos nada dese operativo e descoñecemos tamén se ADSs ou servizos veterinarios privados asinaron algún protocolo para poder vacinar ou se lles interesa facelo.

Non é unha cuestión dun número mínimo de granxas afectadas nin de causas pequenas: trátase de que a Consellería se poña ao servizo desas granxas para tentar corrixir perdas e complicacións.