A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. Solicitamos a corrección do RD4/2023 eliminando o límite mínimo de colmeas e a condición de trashumante

Solicitamos a corrección do RD4/2023 eliminando o límite mínimo de colmeas e a condición de trashumante

2 de Xuño do 2023

Apicultura

O Ministerio de Agricultura ignora a realidade apícola galega establecendo criterios que deixan fóra á maioría de produtoras. Reiteramos a urxencia en que a CMR active unha Mesa da Seca galega e adopte medidas específicas para os nosos apiarios

Ao igual que denunciamos en relación aos criterios para adxudicar as axudas para paliar a seca, o Real Decreto-Lei 4/2023 polo que se adoptan medidas urxentes en materia agraria e de augas en resposta á seca e ao agravamento das condicións do sector primario derivado do conflito bélico en Ucraína e das condicións climatolóxicas, discrimina ás labregas galegas non só en termos xerais, senón de xeito salientábel tamén en sectores concretos, como é o apícola, neste caso ao establecer como condición para ser beneficiarias das mesmas ter máis de 150 colmeas e estar clasificadas como trashumantes.

Moi poucas abelleiras cumplen estas condicións na Galiza, onde é predominante un sector apegado á terra, composto por pequenos apiarios adaptados ao territorio e aos recursos florais da zona, que apenas practica a trashumancia. É unha apicultura a pequena escala que nutre os mercados e pequenas tendas, cunha comercialización principalmente por venda directa, que revirte positivamente na estructuración e mantemento do territorio, na loita contra o despoboamento, e fai unha labor ambiental e de polinización fundamental para a biodiversidade e para numerosos cultivos.

Nembargantes, a administración estatal e galega, lonxe de recoñecer e velar pola supervivencia deste modelo, emprega unha vez máis os fondos públicos para seguir primando a expansión dun modelo agroindustrial de alimentos.

Dende o Sindicato Labrego Galego queremos expresar a nosa preocupación polo feito de que se teña obviado o apoio a unha apicultura beneficiosa para o territorio como é a galega, e solicitamos ao Ministerio de Agricultura a urxente modificación dos criterios establecidos no RD, nomeadamente eliminando o límite mínimo de colmeas, a condición de trashumantes e aumentando a dotación orzamentaria, establecida arestora nuns escasos 15.500€ para todo o territorio galego.

De igual xeito, esiximos á Consellaría do Medio Rural que, xa que non mantivo no seu momento unha interlocución eficaz co Ministerio de Agricultura para representar os intereses galegos, active agora dende as súas competencias medidas complementarias que subsanen a falla de recoñecemento do noso sector apícola.

Cómpre lembrar que as apicultoras e apicultores adoecen de xeito importante a falla de implicación da Consellaría do Medio Rural, que malia á extraordinaria calidade do produto obtido, non desenvolve traballo para apoiar ao sector, poñelo en valor ou desenvolver campañas de promoción do mel galego. Neste senso, insistimos na importancia de que, unha vez activada unha Mesa da Seca a nivel galego, como vimos demandando dende o SLG, sexan establecidas na mesma liñas de traballo concreto para paliar os impactos do quecemento global na nosa apicultura.