A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. O sector apícola traslada ás súas reivindicacións ás Consellarías e Ministerio a través do SLG

O sector apícola traslada ás súas reivindicacións ás Consellarías e Ministerio a través do SLG

10 de Febreiro do 2023

api

Demandamos apoio á produción, racionalización da burocracia, transparencia na comercialización, PAC e loita contra a velutina. O SLG activará unha campaña multisectorial para reivindicar á Xunta unha estratexia real de loita contra contra a vespa velutina

O apicultor e membro da Executiva Nacional do SLG-CCLL, Brais Álvarez, e o Coordenador da Área de Apicultura, Diego Sánchez Agra, presentaron esta mañá en rolda de prensa no local nacional do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) en Santiago de Compostela unha batería de demandas urxentes que o sector apícola galego trasladou hoxe ás Consellarías do Medio Rural e Medioambiente, así como á Delegación do Goberno na Galiza, a través do rexistro das mesmas e solicitude de xuntanzas realizado polo SLG.

En primeiro lugar Agra e Álvarez salientaron a necesidade de que, ao igual que se outorgaron a outros sectores para paliar os efectos da guerra de Ucraína, as administracións públicas activen axudas directas por colmea ó sector apícola profesional para poder superar este grave momento de crise. “Estas axudas directas contriburían a compensar parcialmente o sobrecoste de mantemento das colonias de abellas e a perda de produción, nun contexto de grave crise de mercado”, explicou o coordenador da área de apicultura no SLG, concretando: “Demandamos un importe de axuda de 10 €/colmea para el total de colmeas censadas no REGA a data 1 de xaneiro del 2022 e xestionadas por ATP, con un límite de axuda por explotación de 1.000 colmeas.”

Aliás, habida conta de que nas granxas apícolas, tanto estantes como transhumantes, o combustible é un dos custes de produción que condicionan en gran medida a viabilidade dos proxectos, demandamos a inclusión dos apicultores/as profesionais entre os sectores aos que se prorroga en 2023 a axuda de 20 céntimos por litro de combustible.

Outra das preocupacións do sector é a elevada carga burocrática que condiciona a actividade profesional: “O MAPA debe atender con flexibilidade ás particularidades do sector na futura aplicación dos reais decretos de trazabilidade, identificación e rexistro de determinadas especies animais, así como de veterinario de explotación e plan sanitario integral. Estas esixencias, que pretenden unicamente facilitar o traballo da Administración, non aportarán ningunha mellora ás granxas apícolas e ás persoas consumidoras, mentres que prexudicarán enormemente ás granxas apícolas familiares e profesionais”, advertiu Agra.

O apicultor e membro da Executiva Nacional do SLG, Brais Álvarez, abordou as preocupacións que no sector está a suscitar a entrada de meles de distintas calidades, e en ocasións de procedencia non transparente: “No momento de maior nivel de importacións de baixa calidade da serie histórica é imprescindible que os gobernos mostren a súa determinación de cara a facilitar información transparente a consumidoras/es sobre a orixe dos produtos apícolas que consumen”. Neste senso, dende o SLG consideramos que débese aproveitar a próxima Presidencia española do Consello da Unión Europea para liderar a nivel europeo a modificación da Directiva do Mel e do Código Aduaneiro da Unión, co obxectivo de que a verdadeira orixe dos meles comercializados no Estado español se reflicta correctamente na súa etiquetaxe: “Esiximos un maior control da calidade dos meles importados, así como das posibles adulteracións e do mel envasado no mercado”, insistiu Álvarez.

As demandas do sector apícola pasan tamén por esixir unha Política Agraria Común (PAC) no que poidan ter cabidas os apicultores e as apicultoras, por exemplo habilitando pagos asociados por número de colmeas, igual que se fai con outras especies gandeiras, así como establecer ecoesquemas para esta actividade agraria e non restrinxir as axudas do 1º piar só á declaración de superficies, que non ten sentido na actividade das abellas.

Ademais, dadas as circunstancias de afectación da Vespa velutina nos apiarios e os efectos do cambio climático, incluso os/as abelleiros/as que non practican transhumancia vense na obriga de mover colmeas entre os distintos apiarios estantes, polo que dende o SLG reclamamos que os compromisos de mantemento do número de colmeas declaradas para as axudas de agroambientais do 2º piar, poidan cumprirse no cómputo xeral dos apiarios dunha mesma persoa apicultora e non en cada un deles.

Ao respecto do grave problema que na Galiza está a supor o avance e expansión da Vespa velutina, non só para as colmeas, se non tamén para as producións de froita e viño, o apicultor Brais Álvarez criticou: “este asunto foi deixado de lado polas administracións públicas dende a invasión desta especie exótica, tendo que ser as/os abelleiras/os as/os que fixesen a loita pola súa conta”, ao tempo que insistiu en que “o control do tártago asiático pasa pola elaboración dun Plan de Loita como Especie Exótica Invasora, coa implicación e coordinación de distintas áreas dos gobernos da Galiza e do estado español”. A fin de activar unha maior implicación política nesta problemática, o coordenador do sector apícola, Sánchez Agra, anunciou o inicio dunha campaña conxunta dos distintos sectores afectados para reclamar unha loita real por parte destas administracións.