A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. Segunda xuntanza en Abadín de granxas afectadas polas eivas da campaña de saneamento

Segunda xuntanza en Abadín de granxas afectadas polas eivas da campaña de saneamento

3 de Novembro do 2022

abadinsaneamento2

As/os gandeiras/os están recabando apoios para presentar un escrito á CMR denunciando a situación e propoñendo medidas. Solicitan que se concrete á maior brevidade posíbel unha xuntanza co conselleiro do medio rural, José González Vázquez

Gandeiras e gandeiros afectados polas graves eivas da campaña de saneamento da Consellaría do Medio Rural (CMR) da Xunta de Galicia reuníronse novamente onte en Abadín (Lugo) co obxectivo de continuar organizándose para esixir á CMR a subsanación inmediata das demoras e descoordinación neste servizo de sanidade animal.

As granxas afectadas están recabando apoios para presentar á Consellaría un escrito no que, ademais de denunciar a situación destes últimos meses, solicitan que se concrete á maior brevidade posíbel unha xuntanza co conselleiro José González Vázquez, e presentan a seguinte batería de propostas de mellora:

  1. Que dadas as características da maioría das nosas explotacións nesta zona (granxas en extensivo) a campaña se execute a principios da primavera

  2. Que se faga o saneamento por barrios e de forma continuada, en lugar do que se fixo este ano que cos equipos con menos persoal se estaban saneando varias parroquias a un tempo prolongándose os traballos, como xa indicamos, máis de dous meses nalgún caso

  3. Que cando se compre un animal, ou se solicite información dun en Sanidade Animal, que se proporcione en poucos días o seu historial e procedencia en caso de ser un animal procedente dunha zona ou explotación de risco, que non se tarden meses en proporcionar esta información os gandeiros.

  4. Que se informe dos criterios xerais de marcado dos animais, en lugar de “matar por matar”

  5. Que se proporcione a cada gandeiro/a un informe detallado dos resultados das probas da súa explotación e criterios individuais de marcado.

  6. Que na actualidade en zonas onde aumentaron moito os animais sospeitosos se efectúe a proba IDTBC (Proba de intradermotuberculinización comparada) a todas as reses sospeitosas, e nas próximas campañas se efectúa xa coas primeiras probas no momento de sanear.

  7. Que se analice e revisen exaustivamente a vinculación entre zonas ou explotacións.

  8. Que se posibilite sacar os xatos para a explotación e cebadeiros.

  9. Que as reses que queden en seguimento, se desbloqueen logo de varias campañas sen reaccionar.

  10. Que se inspeccione a empresa adxudicataria para verificar a correcta execución do contrato e a dotación do persoal suficiente.

  11. Que se realice un estudo e seguimento da fauna salvaxe como posible transmisor das enfermidades.