A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. As granxas denuncian unha sensíbel merma na calidade dos crotais subministrados polas OAC da CMR

As granxas denuncian unha sensíbel merma na calidade dos crotais subministrados polas OAC da CMR

12 de Xullo do 2022

crotais6b

A perda dun ou dos dous crotais dun animal implican tempo, gastos, penalizacións na PAC e outras medidas administrativas. O SLG-CCLL solcitará reunirse coa Consellaría do Medio Rural para que recupere a calidade destes identificadores animais.

A colocación de crotais de identificación animal en ámbalas dúas orellas do gando é obrigatoria. Estas pezas son subministradas pola empresa Felixcan do grupo Datamars e entregadas nas Oficinas Agrarias Comarcais (OAC) da Consellaría do Medio Rural (CMR). Dende fai arredor dun ano, as gandeiras e gandeiros estamos a comprobar unha sensíbel merma na calidade dos materiais cos que están fabricados.

Estes novos crotais están elaborados cun plástico moito máis feble ca antes, pódendose incluso chegar a separar as dúas pezas do broche cas mans, abrindo polo tanto con facilidade cos movementos dos animais, polo que acaban perdéndose ou rompendo. Estas incidencias están obrigando ás granxas a gastar tempo e recursos en realizar novos trámites administrativos para solicitar duplicados dos identificadores estragados, pagar a taxa de recrotalización e correr cos custos do novo envío, ao que se pode engadir o pago da colocación se é realizada por servizos externos.

Ademais, a maiores dos problemas para as granxas derivados da mala identificación dos animais, o deterioro ou extravío dun ou dos dous crotais implica penalizacións nas axudas da Política Agraria Común (PAC), entre outras medidas administrativas, recaendo todos os prexuízos nas gandeiras e gandeiros.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicitará unha xuntanza ca Consellaría do Medio Rural para abordar esta problemática e garantir a volta a uns identificadores animais seguros e de calidade.