A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Outros>
  5. Alegamos ao borrador do RD de Normas Básicas de Ordenación das Granxas Bovinas

Alegamos ao borrador do RD de Normas Básicas de Ordenación das Granxas Bovinas

8 de Abril do 2022

RDBOVINO

Solicitamos limitar a carga burocrática e ter en conta os aportes sociais e medioambientais das pequenas e medianas granxas. Expresamos a nosa preocupación polo plantexamento adaptado ao modelo agroindustrial subxacente no borrador do RD.

Compostela, 8 de Abril 2022. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), a través da súa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, vén de presentar alegacións ao proxecto de Real Decreto polo que se establecen as Normas Básicas de Ordenación das Granxas Bovinas, en fase de elaboración polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación [Adxuntamos documento].

Nas consideracións achegadas, dende o SLG-CCLL facemos fincapé na importancia de non sobrecargar con trámites burocráticos ás medianas e pequenas granxas de bovino. Estas explotacións están vivindo momentos de enorme dificultade por mor das desproporcionadas subas de custos de produción, polo que engadir novas esixencias burocráticas e custos implica comprometer inda máis a súa supervivencia.

Ademais, incidimos nas achegas presentadas, moitas das prácticas recollidas no borrador de Real Decreto son xa habituais nas granxas, pero o feito de esixir un importante número de xustificacións burocráticas engadidas inviabiliza en grande medida moitos destes proxectos de pequena e mediana escala. De feito, resulta absolutamente incoherente que este borrador recolla máis esixencias para as explotacións de menor tamaño que para aquelas que pertenecen a tramos superiores.

Porén, reivindicamos que sexan recoñecidos os múltiples aportes das medianas e pequenas granxas de bovino, alicerce fundamental para a produción de alimentos de calidade e a xestión do territorio, consituíndo en moitas zonas de interior e montaña unha da principais alternativas de emprego, e sendo especialmente relevante a súa contribución en termos ecosistémicos e no mantemento de hábitats de grande valor, como son os pastos naturais.

Aliás, dende o SLG-CCLL queremos destacar a nosa preocupación pola idea que subxace ao longo de todo o borrador do RD de que a cría de bovinos é unha actividade que debe ser aillada da sociedade, levada lonxe da vista das persoas. Esta premisa resulta totalmente contraria aos valores de transparencia desexables na produción de alimentos e está moi afastada da crecente demanda da sociedade actual de maior conexión co medio rural, a naturaleza e a cría de animais; pon en risco tamén actividades educativas ou de agroturismo. Tal e como está plantexado o texto, semella que o borrador do RD só está tendo en conta a existencia de explotacións industriais, un modelo que, habida conta dos seus prexuízos para o medioambiente, os animais e as persoas, debería estar en fase de desmantelamento, reorientando as políticas agroalimentarias precisamente cara a pequenas e medianas granxas, contemplando a produción de alimentos como unha actividade económica máis da sociedade na que se insertan.

Polo tanto, consideramos que para un nivel inferior a 75UGM, tanto na orixe como en ampliacións, debe deixarse sen efectos este Real Decreto, ao estar suficientemente regulados na actualidade tódolos aspectos que este contempla, e sendo precisa unha excepción á realidade das explotacións familiares, protexéndoas e non dificultando o seu traballo nin a súa viabilidade.

 Ademais, destacamos nas alegacións ao texto, para preservar a agricultura tradicional e respectuosa co medio ambiente é imprescindíbel ser máis esixentes e restrictivas ca creación de novas macrogranxas. Propoñemos neste senso un límite máximo de 180 UGM, que podería ser ampliado no caso de explotacións asociativas, e sempre supeditado á dispoñibilidade de base territorial suficiente até as 300 UGM. Estes límites deberían ser aplicados para tódalas categorías de explotacións, extensivas e non extensivas.

 Noutra orde de requerimentos, consideramos que o contido do Libro de Rexistro recollido no RD debe adaptarse ao Libro de Rexistro vixente na actualidade, non resultando pertinente a solicitude dun rexistro duplicado de datos, ou novas categorías que implican sobrecarga para as persoas titulares da explotación. Deben de ser tidos en conta factores como a dificultade de conectividade das zonas rurais, a fenda dixital vinculada á media de idade e cobertura, etc.

 Asemade, consideramos que a esixencia dun contenido mínimo formativo para o personal da granxa debe quedar supeditado á oferta por parte da Administración pública deste tipo de itinerarios formativos, dado que na actualidade non existe unha formación con estas características, polo que tal e como está recollida no borrador do texto alegado, atopámonos cunha nova esixencia de difícil ou imposíbel cumprimento.