A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Vacún de Carne>
  5. O SLG continúa en Vilalba a campaña na defensa do futuro do vacún de carne

O SLG continúa en Vilalba a campaña na defensa do futuro do vacún de carne

15 de Septembro do 2022

Concentración en Vilalba

O vindeiro martes 20 de setembro está convocada unha nova concentración do SLG no Rexistro Civil de Betanzos ás 12:30h. Reivindicamos prezos xustos, diferenciación do produto, mesa sectorial, matadoiros comarcais, SAU e apoios económicos.

Representantes do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas concentráronse hoxe, 15 de setembro, diante do Concello de Vilalba, na praza da Constitución, continuando a campaña “Polo Futuro do Sector Vacún de Carne. Na defensa das nosas comarcas”, iniciada o pasado 31 de agosto en Xinzo de Limia, que se desenvolverá en varias comarcas galegas. Con esta campaña procúranse apoios institucionais locais para defender o sector vacún de carne, un dos sectores máis afectados pola subida de insumos.

As integrantes do SLG presentaron publicamente a batería de medidas fundamentais que cómpre activar xa para salvar ao sector facendo fincapé en que “estamos fartas da Consellería de Medio Rural e do seu fume, que falen coa verdade por diante", sinalou Brais Álvarez, Coordinador do Sector Vacún de Carne no SLG-CCLL. "A verdade é que a día de hoxe non publicaron ningunha axuda directa ao sector como prometeran, só fixeron unha modificación na orde que permite adiantar os cartos da PAC vía bancaria, prometendo uns adiantos vía bancaria dunha axuda que nin tan sequera sabemos cando se vai a publicar”, proseguiu.

Nese sentido, dende o Sindicato Labrego Galego cualificamos esta actuación de neglixente. "É neglixente que a propia administración invite ás granxas a endebedarse coa solicitude de créditos coa promesa de que a Xunta de Galicia vai correr cos gastos de interese dos préstamos. É neglixente que a Xunta de Galicia xogue así cos cartos de todas as cidadás xerando leis para ter un trato de favor cos bancos e seguir a empobrecer as granxas galegas”.

 

Batería de medidas que cómpre activar

A campaña do SLG-CCLL “Polo Futuro do Sector Vacún de Carne. Na defensa das nosas comarcas” deu inicio o pasado 31 de agosto cunha concentración reivindicativa na Praza Carlos Casares (Xinzo de Limia), acompañada da entrega ás formacións políticas presentes no Concello dunha batería de medidas a activar de xeito inmediato para abordar a crise na que a alza de custos de produción, os baixos prezos ás produtoras/es e, de xeito destacado, a falta de asunción de responsabilidades por parte das distintas administracións, teñen sumida ás granxas de vacún de carne do noso país:

1) Rectificación por parte do Ministerio de Agricultura para incluír de xeito inmediato na orde de axudas por mor da crise de Ucraína o pago por xato cebado nas granxas tradicionais, e compromiso por parte da Xunta de Galicia de incluír este pago na axuda complementaria á anterior. Así mesmo, esiximos á Xunta de Galicia que deixe de xogar cos nosos cartos lucrando indirectamente ás entidades bancarias, e que en lugar de autorizar o anticipo desta nova axuda vía bancaria, dun xeito pouco ou nada transparente, que a convoque de xeito urxente permitindo o cobro polos becerros tamén das granxas de vacún que fan cebo tradicional.

2) Creación de métodos sinxelos e accesíbeis para o cálculo dos custos de produción das granxas, e que estes cálculos se trasladen de xeito inmediato ao prezo que percibimos polo noso produto, garantindo lexislativamente que non se poida mercar por debaixo dos custos de produción. Así mesmo, esiximos á Xunta de Galicia que faga cumprir a Lei da Cadea Alimentaria e tome dende xa como referencia o prezo dos custos de produción calculados no seu propio estudo o pasado mes de Xuño (6,30€), e que a ningunha granxa se lle poda mercar por debaixo deste prezo.

3) Creación dos mecanismos necesarios para unha diferenciación clara do noso produto fronte a alimentos criados dentro dun modelo intensivo, e que esta sexa perceptible dun xeito claro para as persoas consumidoras.

4) Convocatoria urxente dunha mesa sectorial por parte da Xunta de Galicia, composta polas persoas produtoras, a industria, a distribución e outros axentes do sector con poder de toma de decisión e que permita levar a cabo as medidas anteriormente mencionadas.

5) Protección inmediata do noso modo de vida e produción, lexislando por parte das administracións públicas para unha verdadeira protección da Superficie Agraria Útil (SAU), permitindo o acceso á terra agraria e protexendo a existente, asumindo a necesidade de aumentala ata polo menos un terzo do noso territorio.

6) Cobertura ao 100% dos danos que provoca a fauna silvestre, asumindo a responsabilidade civil subsidiaria e o lucro cesante por parte da administración pública. Instamos á Xunta de Galicia a cumprir con estes puntos, como recolle o novo protocolo para a xestión do lobo que vén de ser aprobado polo Goberno central.

7) Impulso e creación dunha normativa hixiénico-sanitaria que permita dun xeito sinxelo acceder ás granxas a realizar venda directa, e creación dunha rede de matadoiros comarcais como único xeito de dotar de valor engadido as granxas.

8) Dotación de fondos económicos e de medios para facer fronte a episodios de seca como a que se está a vivir e, en todo caso, financiar a adecuación a esta nova realidade das granxas galegas.

 

A próxima manifestación está convocada para o martes 20 de setembro, ás 12:30h, no Rexistro Civil de Betanzos.