Rolda de prensa conxunta do SLG-CCLL e OVICA para denunciar erros e discrimacións do vacún, ovino e caprún no RD428/2022. A meirande parte das granxas afectadas son pequenas e medianas, excluílas é un xeito de empeorar o abandono do medio rural
9 de Agosto do 2022
Rolda de prensa conxunta do SLG-CCLL e OVICA para denunciar erros e discrimacións do vacún, ovino e caprún no RD428/2022. A meirande parte das granxas afectadas son pequenas e medianas, excluílas é un xeito de empeorar o abandono do medio rural
O Coordenador do Sector Vacún de Carne do Sindicato Labrego Galego – Comisións Labregas (SLG-CCLL) Brais Álvarez e o presidente da Asociación de Produtores de Ovino e Caprino (OVICA) Luis Rivera Otero denunciaron na mañá de hoxe en Lugo os erros e discriminacións detectados no RD428/2022 do 7 de xuño, polo que se estableceron as bases reguladoras para a concesión directa dunha axuda excepcional de adaptación para compensar as dificultades económicas derivadas do conflicto bélico na Ucraína en determinados sectores agrarios.
Álvarez encetou a súa intervención salientando o compoñente absolutamente discriminatorio implícito na exclusión das granxas que fan ceba tradicional do dereito de cobrar esta axuda, “unha mostra máis de que o Ministerio de Agricultura non ten en conta a realidade das granxas de vacún no norte peninsular, e en especial as galegas”, apuntou. “Dentro da IXP Terneira galega temos arredor de 8.000 granxas que ceban os seus xatos, e que por unha interpretación totalmente errónea por parte do Ministerio quedan fóra desta axuda. Esiximos ao Ministerio de Agricultura que de xeito inmediato corrixa o artigo 3 do RD 428/2022, e inclúa como beneficiarios da axuda por vacún de cebo os terneiros nacidos na propia explotación como se recolle nos puntos a) e b) do artigo 63 da lexislación da PAC, eliminados durante a redación do RD428/2022”.
Se se aplicara correctamente o RD 428/2022, no caso do vacún de carne o 48% das granxas beneficiarias (4.732) serían as que dispoñen de menos de 10 vacas nutrices. Ante este novo desvío de cartos públicos cara a agroindustria en detrimento das pequenas e medianas granxas, “o Sindicato Labrego fai un chamado á presentación masiva de alegacións ao Ministerio a través do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) solicitando que se determinen as unidades de pago de vacún de cebo para que se proceda o seu pagamento, tal e como se establece no RD 428/2022 que regula a normativa destas axudas”, anunciou Brais Álvarez.
Ademais, abondou o representante do SLG-CCLL, é fondamente preocupante o presunto descoñecemento do sector que semella ter o Ministerio, que considera o cebo de tenreiros neste tipo de granxas como unha actividade complementaria á da vaca nodriza. “Nada máis lonxe da realidade, o cebo que fan as granxas tradicionais é a súa fonte principal de ingresos dende fai xeracións e ségueo a ser. Invitamos ao Ministro e á súa equipa a que deixen por un día o seu despacho de Madrid e se acheguen a coñecer a realidade e non lexislen de oídas”, instou Brais Álvarez.
Este desleixo a nivel estatal vese empeorado inda máis por mor da mediocre dirección da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia, que non só inda non convocou as axudas que prometeu para estes sectores en crise, senón que está a publicar listaxes de persoas beneficiarias nas cales se detectan contínuos erros, moi chamativos en cuestións como as persoas novas solicitantes PAC ou relevos xeracionais. “No caso do RD428/2022 outra vez temos este problema. Desta volta a CMR non elaborou as listaxes seguindo o criterio marcado polo RD, é dicir, 125 vacas nodrizas incluída a porcentaxe de novillas previsto no RD1075/2014; nin aplicaron a posibilidade de fixar un mínimo subvencionable, en especial para o ovino, e que deixa fóra a moitas granxas mixtas do país”.
Neste senso, o presidente de OVICA, Luis Rivera, recalcou que moitas das súas produtoras e produtores teñen granxas de carácter cárnico mixto -vacún, ovino, cabrún, cabalar, porcino...-, “polo que entendemos que a aplicación de normas estatais debería ser acorde a esta realidade galega”. Ademais, destacou a utilización combinada destas especies como un valor engadido no mantemento das superficies agrarias, nomeadamente nas zonas de montaña, polo que as granxas cárnicas mixtas “deberían ser un dos eixos a potenciar pola Administración galega, máis nestes días de intensos lumes en toda a nosa comunidade”.
Asemade, tanto Rivera como Álvarez coincidiron tamén en criticar que se denomine “axuda” ao que a efectos prácticos é unha limosna, xa que o certo é que 2.574 explotacións -as de até 5 vacas nutrices- van percibir como máximo 300€, e outras 2.158 -até 10 nutrices- un máximo de 600€.
Unha vez máis vemos como a prioridade do goberno do Estado español coa crise da guerra da Ucraína non é axudar aos sectores prexudicados, ou dar pasos para garantir o dereito á soberanía alimentaria nun momento histórico como o actual, no que a dependencia de insumos externos está evidenciando os riscos asociados ao modelo capitalista neoliberal de produción e distribución de alimentos, senón que dirixe os seus esforzos -e os nosos cartos- a xogar a ser alguén dentro da OTAN, e á militarización, incrementando o gasto do erario público en armas, pero escatimando fondos cando se trata de preservar as producións locais e garantir a supervivencia das pequenas e medianas granxas, o tecido produtor de alimentos que realmente fixa poboación e coida das áreas rurais en todo o Estado.