Matadoiros e operadores están obrigando a asinar contratos con prezos por embaixo de custos incluíndo textos que din o contrario. Os abusos increméntanse por mor da deixadez da CMR para activar mecanismos de control e sancións para garantir os prezos
O pasado 28 de marzo a Consellaría do Medio Rural (CMR), matadoiros, distribución e outras organizacións de produtores -como UU.AA- asinaron o Protocolo da Cadea de Subministro para as Explotacións de Vacún de Carne adheridas á IXP Ternera Gallega, un acordo que venderon ao sector e á sociedade como “histórico”. O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) non o asinamos porque claramente era fume, un texto para saír do paso e desmobilizar ao sector, un cheque en branco para a industria e a distribución que non recollía ningún tipo de medida concreta.
Un mes máis tarde, a Consellería de Medio Rural (CMR) presentou un estudo de custos de produción nas explotacións de vacún de carne que fixaba os mesmos en 6,20€/kg. Este prezo, como ben sabía a CMR, en ningún caso se estaba a pagar nese momento ás granxas, existindo polo tanto xa daquela un incumprimento xeralizado da Lei 12/2013 (Lei da Cadea Alimentaria) e un claro fracaso do Protocolo recén asinado.
A día de hoxe, os matadoiros e operadores, actores nesta posta en escena da CMR, cómodos ca deixadez de control e abandono de responsabilidades da Administración pública, non só desbotan absolutamente ter en conta estes custos de produción e seguen pagando por embaixo dos mesmos, senón que algúns deles afondan inda máis nos seus abusos obrigando ás granxas a asinar contratos para poder sacar os tenreiros que recollen que o prezo que se lles está pagar “incluye los costes efectivos de producción determinados por el Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación”.
Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), aliás de subliñar o alarmante deste tipo de prácticas de coacción, entendemos que este documento nin tan sequera se axusta á lei, xa que actualmente dende o Ministerio de Agricultura non existe ningún estudo de custos de produción, nin fixados parámetros para o seu cálculo.
Instamos tanto á Consellería de Medio Rural como ao Ministerio de Agricultura á apertura urxente dunha inspección que aclare como se están a realizar estes contratos e, de confirmarse que non se axustan á legalidade, que actúen de xeito inmediato a través da imposición de sancións.
Na maior parte dos mesmos, ademais, o prezo fixado é moito máis baixo que o marcado na mesa da IXP Terneira Galega, o que fai xa totalmente insostible a situación das granxas de vacún de carne, que a maiores dos problemas xa existentes agora teñen que sumarlle a perda total de autonomía para negociar polo seu produto.
Dende o SLG-CCLL reiteramos á Consellaría do Medio Rural que, se é certo que pretende facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria e non é só unha estratexia para distraer a atención mentras continúa deixando esmorecer o sector, cree de xeito inmediato mecanismos reais para o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria e sancione coas medidas contempladas na mesma a aqueles axentes que estean a incumplir as normas establecidas, nomeadamente a imposición de venda por embaixo de custos de produción.
A problemática que agora enfrontamos é unha mostra máis da nefasta política agraria que leva facendo a CMR dende fai anos. Sen ir máis lonxe, apenas tres meses despois do “histórico” acordo cos matadoiros, distribución e algunhas organizacións agrarias, pódese ver que quen segue a perder diñeiro son as granxas, que cada vez están máis afogadas. As actuacións protagonizadas até o dagora pola CMR so serviron para fortalecer á industria e distribución para que sigan facendo o que lles peta. Vai sendo hora de que o conselleiro José González Vázquez rectifique e admita públicamente que o Protocolo está resultando inútil, e tome medidas reais para salvar o sector.