A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Vacún de Carne>
  5. Concentración do SLG en Compostela para demandar axudas ao sector da carne de vacún pola crise da Covid-19

Concentración do SLG en Compostela para demandar axudas ao sector da carne de vacún pola crise da Covid-19

25 de Septembro do 2020

Concentración vacún de carne

Un grupo de gandeiros e gandeiras pertencentes á Dirección da Carne do Sindicato Labrego Galego, respectando os protocolos de seguridade pola Covid-19, concentráronse hoxe, 25 de setembro, diante da sede da Consellaría de Medio Rural, en Santiago de Compostela, para denunciar a inexistencia de medidas de apoio ao sector de vacún de carne na Galiza diante da crise de prezos que padece dende que, en marzo, se decretara o estado de alarma.

O sector da carne de vacún, no que hai censadas preto de 20.000 granxas na Galiza e que é un dos principais sectores económicos que vertebra o noso medio rural, foi un dos que máis sufriu o impacto do confinamento e do peche e restricións á hostalería, encaixando unha caída nos prezos dende aquela da que aínda non se recuperou. A pesares de que xa denunciamos esta problemática no último Consello Agrario Galego, o pasado 16 de xuño, tres meses despois a Consellaría de Medio Rural segue sen adoptar ningunha medida de apoio para o sector.

Dende o SLG xa temos denunciado que o prezo medio das liquidacións entre abril e xuño foi de 4'17 € por quilo/canle en tenreira de calidade Suprema e de 3'5 € quilo/canle en tenreira normal. Se ben os datos do mes de marzo non amosan unha baixada moi forte respecto a marzo de 2019, en abril, maio e xuño apréciase un descenso ao redor dos 50 céntimos por quilo en Tenreira Suprema e outro tanto na normal. A depreciación tórnase brutal no caso da carne de desvelle que, nalgúns casos, chegou a encaixar caídas no prezo do 50%.

Entendemos que o peche e posteriores restricións na canle Horeca (hoteis, restaurantes e cafetarías) influíse na caída da demanda e, polo tanto, no prezo da carne; e que este feito non se viu compensado polo aumento de consumo nos fogares, que a Coordinadora de Organizacións Agrarias e Gandeiras (COAG) cifrou no 33%. Porén, temos que denunciar o feito de que a crise fose e estea a ser utilizada por industrias e distribución para impoñer unha baixada xeneralizada dos prezos.

AS AXUDAS DEBEN SER PARA VACAS NUTRICES E GRANXAS PARA GARANTIR QUE CHEGAN AOS PRODUTORES E PRODUTORAS

Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego, rexistramos un escrito na Xunta solicitando unha reunión urxente co conselleiro de Medio Rural, José González, para buscar solucións a este problema e paliar as perdas provocadas pola crise no sector da carne de vacún. Dende o SLG, defendemos as seguintes medidas:

  1. Axudas directas, de maneira urxente e a curto prazo, orientadas a paliar as perdas producidas pola Covid-19 e a garantir a continuidade das granxas, moitas delas en zonas desfavorecidas e de alta montaña. A mellor maneira de activar estas axudas, a xuízo do SLG, sería autorizar un pago adicional por becerro sacrificado vinculado a vaca nutriz que permita equilibrar os prezos; ou facer un pagamento directo por vaca nutriz ou por granxa, xa que se estaría a pagar directamente a quen produce os xatos.

  2. Máis a longo prazo, dende o SLG seguimos insistindo na necesidade de ordenar a cadea alimentaria para evitar os abusos da industria que é, agora mesmo, a que impón os prezos en detrimento da IXP Tenreira Galega; e de apoiar outras vías de comercialización alternativas, como a venda directa. Neste senso, cómpre denunciar que a Consellaría de Medio Rural aínda non gastou nin un céntimo dos 4'5 millóns de euros que contempla o Plan de Desenvolvemento Rural PDR 2014-2020 para esta última finalidade.

PREOCUPACIÓN DIANTE DA OBRIGA DE MERCAR INXECTORES DE XURRO

Outra das cuestións que o SLG quere tratar co conselleiro de Medio Rural é o Real Decreto de normas para a nutrición sostible dos solos agrarios, cuxo período de alegacións está aberto, e sobre o que se debe pronunciar a Consellaría para evitar que o texto final sexa lesivo para os intereses dos sectores gandeiros na Galiza. Este real decreto podería obrigar a mercar inxectores de xurro, unha maquinaria carísima e innecesaria que non serviría para solucionar o problema das emisións de gases con efecto invernadoiro e que é absurdo impoñer a granxas que traballan con base territorial e pasteiros, como as que predominan na Galiza.


Concentración vacún de carne