A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Vacún de Carne>
  5. Cooperativa A Carqueixa: Feireando por Internet

Cooperativa A Carqueixa: Feireando por Internet

12 de Novembro do 2019

A Carqueixa

A Asociación de Produtores de Carne de Montaña (Aprocam), coa colaboración do Sindicato Labrego Galego, desenvolveu un curso sobre comercialización de produtos cárnicos en Chantada ao longo do mes de outubro. Unha das partes máis interesantes destas aulas foi a saída de campo que se fixo a Cervantes, para coñecer de primeira man a experiencia da Cooperativa A Carqueixa, que dende hai medio ano puxo en marcha un anovador sistema de venda online que lles permite chegar co seu produto a calquera punto da Península Ibérica.

Para coñecer todos os detalles desta experiencia, estiveron con nós un dos dinamizadores da cooperativa, o párroco Ramiro Martínez; o xerente, Román Sánchez Besteiro; e o técnico David López.

A Carqueixa está integrada por 195 socios e socias e forma parte da cooperativa de segundo grao Artesáns Gandeiros. As granxas son maioritariamente de Cervantes e Navia de Suarna, aínda que tamén hai familias de Pedrafita, Becerreá, Baralla e As Nogais. En total, as ganderías de A Carqueixa teñen unhas 5.500 reses, o que dá unha media aproximada de 25 por explotación.

Agora mesmo, a venda por Internet fana a través de www.osabordosancares.com, e dá a posibilidade de mercar carne en lotes de 5 quilos (53 €) e 10 quilos (95 €). Hai que ter en conta que ese é un prezo final, no que se inclúe o transporte, matadoiro, despece, envasado, IVE, etc. O pagamento realízase por vía electrónica (tarxeta de crédito ou transferencia).

Cada lote de 10 quilos leva 1 quilo de carne picada, 1 de hamburguesa, 1 de espaldiña, 2'5 de filetes, 1,5 de costeletas, 1,5 de agulla e xarrete e 1,5 kg de faldra.

Nestes momentos, están obtendo 5'15 € por quilo. Trátase dun prezo inicial algo máis baixo do pretendido para ir abrindo mercado. A intención sería subir a 5'50 €. Ese prezo obtido pola venda online redondéase coa venda aparte de produtos como o solombo, carrilleiras ou o rabo, que non se inclúen nos lotes, de maneira que, finalmente, obterías, un prezo medio de 6 € o quilo, que é o seu obxectivo.

Co tempo, irán flexibilizando os pedidos apostando por transporte propio

A intención desta experiencia é ir asentándose, aumentar o prezo e diversificar a clientela, vendendo a centros escolares, hamburgueserías, empresas de cátering e restauración. Para iso, son conscientes de que deben flexibilizar a venda por lotes, permitindo que se pida máis duns produtos e menos doutros, a vontade de quen merca, o que esixirá a revisión semanal das existencias para regular o que ofertan.

Esta diversificación da clientela, tamén lles obrigará a facer cambios no sistema de transporte. Actualmente, fan os envíos a través da empresa de transporte Integra2; pero para levar regularmente mercadoría a centros escolares ou restaurantes, están valorando utilizar transporte propio.

Alimentación natural mesmo con transhumancia

Trátase dunha carne de calidade, co selo de Tenreira Galega Suprema, con xatos aleitados até os sete meses ou máis, complementando despois con forraxes, cereais e hortalizas; e apostando por razas como Rubia e, en menor medida, Asturiana e Limousin.

Esta aposta pola alimentación natural fai que moitos cooperativistas, cando os seus propios pasteiros non teñen herba suficiente, opten pola transhumancia, levando o gando ás brañas de Campo da Auga, no Bierzo. Hai que ter en conta que, nesta zona, transformaron monte en pasteiros, sendo terreos difíciles que non producen tanto como os prados.

O presidente da cooperativa, José Antonio Díaz, explicounos que fan así dezaseis granxas de Cervantes, que levan unhas trescentas reses a pé -oito horas de camiño- para pacer nas brañas alugadas a unha comunidade de montes da veciña provincia de León dende maio até as primeiras neves, ao redor de novembro.

Cooperativa A Carqueixa