A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Lembramos ao Ministerio que é imprescindíbel ter en conta os prezos do leite para calcular as marxes de beneficio

Lembramos ao Ministerio que é imprescindíbel ter en conta os prezos do leite para calcular as marxes de beneficio

3 de Novembro do 2023

datosministerioleitenov23

A enerxía e alimentación animal acomodáronse nos custos máis altos dos últimos anos, mentras o prezo do leite segue baixando. Cómpre vixiar que a visión triunfalista do Ministerio non sexa empregada polas industrias pra baixar máis o prezo do leite

No día de onte o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación mantivo unha xuntanza cos representantes da mesa sectorial de vacún na que afirmaron que a existencia dunha estabilización coiuntural dos custos enerxéticos e de alimentación, en alza continua nos últimos anos, conleva unha “mellora dos marxes da actividade produtora” no sector leiteiro.

Porén, o Ministerio eludíu abordar unha cuestión esencial: o prezo ao que se paga o leite ao sector produtor, e tamén outra consideración a ter moi en conta para entender a realidade do sector: as diferenzas de prezos existentes nas distintas zonas, así como entre as granxas grandes e as pequenas.

Como alertamos en reiteradas ocasións, na Galiza as industrias lácteas están a impor unha baixada orquestada dos prezos pagados ao sector produtor, na cal nestas últimas semanas a empresa galega con máis recollida no noso país, o Grupo Lence/Leite Río, en sintonía ca liña de ofertas á baixa realizada pola multinacional Lactalis -que sendo a empresa con maior volume de recollida de leite acumula grandes baixadas de prezo dende a primavera-, adoptou un papel significativo.

Ademais, malia que as nosas granxas son as principais produtoras a nivel estatal, están percibindo o prezo máis baixo polo leite de todo o Estado, sendo o único territorio que está por baixo dos 50ct/l. Segundo informou onte o Ministerio, actualmente o prezo medio de compra ás gandeiras/os galegas é de 0,47ct/l. fronte aos 0.52 ct/l. que perciben as de Asturias ou Valencia.

Por outra banda, e como tamén subliñamos a cotío, estas empresas favorecen a imposición do modelo agroindustrial e penalizan o modelo de pequena e mediana granxa leiteira, precisamente aquela que fixa poboación e máis aporta para o mantemento dun medio rural vivo, sendo o modelo maioritario no noso país.

Segundo os últimos datos publicados pola Xunta de Galicia (agosto), a unha explotación que produza máis de700.000kg/ano as industrias páganlle o leite a unha media de 6ct/l. máis que ás que producen menos de 100.000kg/ano. Este é un dos principais motivos polo que un 25,6% das granxas de leite galegas pecharon nos últimos oito anos.

Con este escenario comercial, o coordenador do sector leiteiro no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Xulio Fernández, considera “moi pouco prudente a valoración triunfal realizada polo Ministerio”, habida conta de que neste momento a maioría de industrias suman un novo anuncio de baixada de prezos nos seus contratos de leite, mentres seguen a destruír o prezo ao que lle ofertan produtos á distribución e no lineal dos supermercados”, e advirte: a análise sesgada do Ministerio pode ser empregada polo tanto polas industrias para seguir agravando esta baixada. Ademais, lamenta o coordenador do sector leiteiro no SLG-CCLL, “tería sido de utilidade que o Ministerio publicase índices de custos coa mesma rotundidade cando o sector o precisaba para combater os malos prezos que a industria láctea estivo pagando”.

Afondando no feito de se os indicadores apuntados polo Ministerio son realmente acaídos para concluír que existe unha suposta mellora na marxe de beneficio do sector produtor, dende o SLG-CCLL consideramos que, tratándose os custos enerxéticos e de alimentación animal de dous recursos extremadamente condicionados pola incerta situación xeopolítica mundial, non resulta responsábel apoiarse tan rotundamente nuns datos tan sensíbeis ás variacións e fóra do control público.

Por outra banda, afonda Xulio Fernández, “desconfiamos de que realmente se estea a dar unha estabilización de prezos, posto que á xa mencionada incerteza dos mercados globalizados dos que somos prisioneiros, tamén sumamos factores endóxenos como os provocados polo cambio climático, a seca, os ataques de pragas a cultivos -como o verme do millo ou o dos prados-, o virus da Enfermidade Hemorráxica Epizoótica e outras que estamos a sufrir día a día, e cada vez con maiores perdas e maior intensidade”.

Aliás, na súa optimista visión o Ministerio tampouco está a ter en conta o incremento de custos derivado da aplicación das novas normativas e dixitalización da totalidade do sector, xa inminentes, e que non repercutirán en melloras nos beneficios económicos nin produtivos das granxas, saíndo prexudicadas de xeito diferenciado precisamente as pequenas e medianas granxas familiares.