A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Na Galiza hai máis de 120 concellos con máis vacas que persoas. Se o leite tivera un prezo xusto non terían pechado o 25,6% das granxas nos últimos 8 anos

Na Galiza hai máis de 120 concellos con máis vacas que persoas. Se o leite tivera un prezo xusto non terían pechado o 25,6% das granxas nos últimos 8 anos

21 de Xullo do 2023

Cartaz prezos xustos leite

A Consellaría segue desaparecida ante a estratexia de baixada de prezo do leite ás granxas orquestrada polas industrias. Esiximos índices públicos de custos de produción e que se faga cumprir a Lei da Cadea ás industrias que non respectan prezos.

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) queremos alertar unha vez máis do perigoso que resulta a actual baixada do prezo do leite pactada polo conxunto de todas as industrias contra as granxas galegas. Esta presión sobre as gandeiras e os gandeiros vaise ver agravada coa previsión de subida dos custos de alimentación animal, nunha semana na que ademais a previsión de baixada do prezo dos pensos viuse truncada polo bloqueo ruso do corredor do Mar Negro.

Como vimos manifestado dende principios desta ano, non existe ningún motivo que xustifique esta baixada de prezo ás granxas, a través da cal as Industrias procuran aumentar inxustificadamente a súa marxe de beneficios nun contexto comercial no que non se produciron baixadas de prezo ás persoas consumidoras, non existe un aumento da produción suficiente para influír na demanda, nin unha baixada do consumo e, a maiores, a prórroga da supresión do IVE do leite está a privar de certa liquidez ás granxas.

Ademais, é totalmente inxustificado que argumenten inxerencias que teñen que ver co mercado internacional, xa que industrias, Consellaría e distribución teñen responsabilidade a partes iguais por apostar por un modelo industrial baseado no baixo valor engadido que deixan os produtos derivados. No caso da Consellaría mesmo enfoca as axudas públicas cara a un modelo industrial, todo o contrario dos mercados de proximidade e dos produtos cun maior valor engadido, e diso non só non teñen a culpa as granxas galegas, senón que canda as persoas consumidoras son quen padecen as consecuencias destas deficientes políticas públicas nunha cuestión tan importante para a poboación como é garantir o acceso próximo a unha alimentación sa e de calidade.

Logo de anos de denuncia, a administración pública segue sen proporcionar nin índices oficiais de custos de produción nin as ferramentas e escenario axeitado para poder desenvolver unha estratexia de negociación colectiva, como está perfectamente normalizado na práctica totalidade dos sectores laborais. Nin tan sequera fai cumprir a Lei da Cadea Alimentaria, e rise do sector concedendo axudas públicas a industrias sancionadas polo seu incumprimento. O Conselleiro e a Xunta seguen desaparecidos para as gandeiras e gandeiros, mentres a sangría de peche de granxas de leite continúa agravándose: das 6.251 que había hai un ano, xa só quedamos 5.892.

O sector leiteiro é unha das principais actividades económicas vertebradoras do noso país, da cal dependen moitos núcleos poboacionais e a garantía dun medio rural habitado. Parafraseando a desafortunada recente campaña de Leite Leyma na que fai un xogo de palabras ca verba “gañar”, precisamente cando están entregando ás gandeiras e gandeiros contratos para perder :"Na Galiza hai 120 concellos con máis vacas que persoas. Se as industrias pagasen un prezo xusto polo leite, non terían pechado o 25,6% das granxas nos últimos 8 anos".