A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Esiximos ás industrias suba, cobertura de custos e claridade na configuración do prezo do leite nos contratos

Esiximos ás industrias suba, cobertura de custos e claridade na configuración do prezo do leite nos contratos

4 de Marzo do 2022

Contratos intelixibeis

Dende o SLG animamos ás granxas de leite a que revisen ben os contratos e que vexan as opcións que hai neste momento. Contratos referenciados a uns índices de Estados da UE difíciles de seguir e a aplicación de fórmulas complexas agravan a incertidume no sector

  • Compostela, 04 de Marzo 2022. Como temos manifestado reiteradamente dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, as gandeiras e gandeiros queremos vivir dignamente do noso traballo. Para que este dereito laboral sexa conquerido, é imprescindíbel que se pague polo leite un prezo que cubra custos de produción e remunere o noso traballo, como en calquera tipo de actividade profesional. A tan publicitada Lei da Cadea Alimentaria, malia que debería garantir a cobertura de custes de producción en base a uns índices, non está funcionando. De feito, cando asinamos os contratos, é moi difícil saber cal vai ser o prezo final que se pagará á granxa.

Dende o SLG demandamos ás industrias que deixen xa de escudarse nunha enrevesada arquitectura de cómputos, e que ofrezan contratos intelixibles, cuns prezos entendibles. Esiximos á Consellaría de Medio Rural e ao Ministerio de Agricultura que cumpran ca súa responsabilidade de vixiar que os contratos cumpran realmente a Lei da Cadea.

A maioría das granxas de leite galegas están inmersas nestes meses na renovación de contratos nunha situación moi complexa. Se o ano pasado houbo incremento de custes, todo indica que este ano imos sobrepasar calquera situación anterior. Polo tanto, asinar un contrato para os próximos seis meses ou un ano supón que deberías coñecer ben o que asinas.

Sen embargo, os contratos que estamos subscribindo arestora non teñen un prezo claro do litro de leite. Hai algunhas facturas do leite moi sinxelas, cuns contratos moi sinxelos tamén: prezo fixo máis prima de graxa e prima de proteína, nada máis (ou descontos, de selo caso). Aínda así, é importante saber que estes contratos van ter ese prezo durante a súa vixencia, pase o que pase cos custes. A partir deste modelo, as variacións non son infinitas, pero case.

Empezamos pola cuestión central: o prezo do litro de leite. Pode ser un prezo fixo para todo o leite que produza esa granxa. Este é o denominado “prezo base”, e antes era o que nos interesaba ás persoas produtoras de leite porque as primas, máis ou menos, eran semellantes e influían no prezo final moito menos que agora. Este prezo base fixo oscilou no último trimestre do ano 2021 desde os 18 cts. deica os 35,6 cts., e no medio existen todas as variables posibles. As industrias teñen prezos base distintos en función da granxa, e é máis acusada esta diferenza se non hai prima por volume, posto que se lles ofrece ás granxas distinto prezo base en función do volume de leite.

A este prezo variable engádenselle as primas e penalizacións diversas que inflúen moito no prezo final do leite. Analizaremos a continuación as primas. As máis comúns, e as que se pagan en función de algo coñecido son:

A graxa e a proteína. Non todas as industrias pagan o mesmo, polo que hai que ter moito coidado con estas dúas primas. Dependendo da calidade do leite, pode variar moito o importe por esta prima en función da empresa. O máis habitual é 3 ou -3 por décima de desvío, pero hainas de 1,5 ou 6. Outras poñen un tope máximo, a partir do cal xa non pagan as décimas. Temos tamén algún contrato no que o importe da prima por graxa tamén varía en función da variación do prezo da manteiga en función de algún índice.

  • Pastoreo. Cada empresa ten os seus requisitos, fai os seus controis e tamén paga un importe distinto.

  • Calidade AA ou calidade extra ou leite especial. As gandeiras e gandeiros temos que prestar especial atención para identificar en función de que se paga, porque non todas as industrias pagan polo mesmo e tampouco é igual o importe. Para algunhas é xermes menos de 50, ou 25, ou 30; células menos de 200 ou 240 ou 250 e pto. crioscópico superior a 518 ou 519 ou 520.

  • Benestar animal. Varía en función da empresa os requisitos. Tamén pode certificar unha empresa externa, e a prima vai en función do nivel que certifique.

  • Prima por volume. En función do leite que a granxa se comprometa a vender ao mes ou ano ano durante o período de duración do contrato. É moi variable tamén entre as distintas empresas.

A esta variedade de primas, podemos engadir á hora de desagregar o prezo por litro de leite as seguintes, presentes en función de parámetros que unhas veces figuran nos contratos e outras veces non: Prima complemento comercial, Prima complemento prezo, Prima calidade (ademais da AA), Prima b, Prima aumento de custes, Prima b+c, Prima varios, Prima leite especial, Prima compensación, Prima axuste, Prima complemento temporal, Prima sostibilidade, Prima pago seguridade alimentaria, Prima leite n, Prima leite n+, Prima complemento, Prima por contrato, Prima, Prima galega, Prima certificación, Prima cooperativa, Prima por consumir na cooperativa, Prima diferencias, Prima trazabilidade. Estas son só algunhas, hai inda máis, por iso dende o SLG insistimos en que hai que ler ben.

A todas estas particularidades engadimos tamén as diferencias de cálculo derivadas de se a forma de fixar o prezo base é variable ou mixta. Ás veces coñecemos os índices que nos aplican e podemos ter unha idea da súa evolución ou de como van afectar ao prezo nos próximos meses. Outras veces, son índices dos que non temos nin idea como evolucionan e, polo tanto, non temos forma de saber se un prezo referenciado a estes índices pode servirnos no caso dun incremento de custes nos seguintes meses.

Estes son exemplos dalgúns dos índices que figuran nos contratos:

Prezo da manteiga, leite enteira en po (WMP) e o do leite en po desnatado (SMP) que figure en determinadas datas no European Milk Market Observatory (https://ec.europa.eu/info/sites/default/files/food-farming-fisheries/farming/documents/eu-dairy-commodity-prices_en.pdf)

As gandeiras e gandeiros, logo de que localizamos os índices nos contratos e os traducimos, temos que asegurarnos ben tamén de que a referencia temporal é a que nos di no contrato, porque tamén é moi variable.

Unha vez feitos tódolos cálculos enumerados, para saber canto nos van pagar polo leite inda temos que aplicar unha fórmula matemática, que pode ser dos tipos seguintes:

Sinxela: Prezo do leite= 0,70*A+0,30*B . Na que A=fixo, B = prezo medio da leite en po, por exemplo. Pode ter un mínimo e un máximo para o B

  • Intermedia: Prezo do leite = (0,045627*(euros/manteiga-0,2461)+0,085035*(euros/leite en po -0,387))-0,022

  • Complexa: Prezo do leite=[0,7*(prezo fixo trimestral +-primas)]+0,2*[(0,0442*(prezo x-0,442))+(0,085*prezo y-0,5715))]+0,1*1,2188*prezo z

Polo tanto, as gandeiras e gandeiros galegos moitas veces nin negociamos o contrato nin sabemos de que prezo partimos e, como vimos de explicar, é ben difícil sabelo. Esta situación é incompatible ca planificación da sustentabilidade dunha actividade produtiva, resultando especialmente preocupante que esta inestabilidade e indeterminación sexa característica precisamente nun sector esencial para a sociedade como é o da produción de alimentos.