A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Unidade das organizacións agrarias para esixir que non se asinen contratos que non cubran custos de produción

Unidade das organizacións agrarias para esixir que non se asinen contratos que non cubran custos de produción

3 de Marzo do 2022

AnaRodríguez_Rolda030322

Rolda de prensa conxunta das organizacións agrarias galegas para presentar análises e propostas que poñan fin dunha vez por todas á venda a perdas das granxas produtoras de leite.

A gandeira e Vicerresponsábel do Sector Leiteiro no Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Ana Rodríguez, e o coordenador do sector, Xulio Fernández, participaron na mañá de hoxe en Santiago de Compostela canda representantes da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA), Federación Rural Galega (FRUGA) e Unións Agrarias (UUAA) nunha rolda de prensa conxunta para presentar análises e propostas que poñan fin dunha vez por todas á venda a perdas das granxas galegas.

Como salientou a gandeira Ana Rodríguez, atopámonos nun momento de renovación de contratos entre granxas e industrias, “e coa situación de incerteza e constante suba de custos de produción, esas renovacións deben garantir que se cubren os custos”.

A vicerresponsábel do sector leiteiro no SLG incidiu tamén en que “son as pequenas granxas, precisamente as de modelo familiar e que contribúen de xeito especial á fixación de poboación no medio rural, as que están a saír máis perxudicadas nos prezos asinados, e non é que sexan as que peores resultados teñen, se non que son ás que menos se lle paga, que é distinto”.

Asemade, para abordar de xeito estructural o problema da escalada de custos de produción, Rodríguez recordou que dende o Sindicato Labrego Galego levamos décadas “insistindo na necesidade dun modelo menos dependente da importacion de insumos, que en momentos coma este amosan a debilidade do modelo actual, e que pode traer como consecuencia o peche de moitas granxas, ademais de dificultar que os pobos podamos ter garantida a nosa Soberanía Alimentaria, ao facernos dependentes de insumos do exterior”.

Dende o SLG-CCLL instamos asemade ao conselleiro de medio rural, José González Vázquez, a cumprir co compromiso contraído na xuntanza mantida o pasado 18 de febreiro ao respecto da publicación a curto prazo de índices oficiais de custos de produción no sector leiteiro.

AGACA, ASAGA, FRUGA e UUAA subscriben así mesmo a táboa reivindicativa (adxunta) baseada nos puntos propostos polo Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas no pasado mes de novembro chamando á unidade de acción sindical; batería de medidas que, reiteramos, son de imprescindíbel aplicacion para que as solucións á crise do sector leiteiro sexan reais, non só análises que fican flotando no ar logo de cada xuntanza ca Consellaría do Medio Rural.