O pasado xoves, 28 de outubro, a asemblea do sector lácteo do SLG convocada en Lugo acordou, entre outras cousas, construír alianzas e unidade de acción asentadas en base a uns mínimos que eviten a ilusión de que unha mobilización puntual pode resolver este problema.
Onte, a Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego trasladou a Unións Agrarias a proposta de que a mobilización do día 11 en Vilalba diante da empresa Lactalis, como empresa que ten a maior recollida de leite na Galiza e principal responsable dos baixos prezos actuais, sexa unitaria e poida ser respaldada pola totalidade do sector.
A proposta de mínimos elaborada pola Dirección Nacional do Leite do SLG, e que facemos chegar no día de hoxe a todas as organizacións e entidades, componse dos seis puntos que detallamos:
- 1. Acadar de inmediato un prezo que cubra os custos de produción e que nos sitúe no camiño de prezos que permitan vivir as granxas.
- 2. Convocatoria urxente da Mesa do Leite e con carácter permanente. A Consellaría do Medio Rural ten a obriga moral de tentar tódalas vías posibles para recuperar unhas condicións que garantan a viabilidade de toda as granxas galegas.
- 3. Desenvolver referencias de custos de produción por parte da administración que fagan que sexa real a aplicación da prohibición de venda a perdas que se recolle na Lei da Cadea.
- 4. Establecer un sistema de mediación que impida os abusos sobre a parte produtora e que garanta que os contratos non sexan de adhesión. Dito sistema de mediación será en Galiza. Tendo a maior rexión produtora do estado, non é normal ter que acudir a cortes de arbitraxe ou sistemas de mediación en Madrid.
- 5. Prohibir que os operadores lácteos, sexa industria ou primeiro comprador, poidan operar se non teñen aval suficiente para o pago do leite, ou se se teñen detectado faltas de pagamento con anterioridade. O impago do leite non pode ser un mecanismo de financiamento de industrias en crise ou mal xestionadas. As granxas non son entidades financeiras.
- 6. Establecer unha liña de traballo urxente coas Administracións para reducir os custes de produción. Impedirase a especulación coas materias primas, acabarase coas tarifas eléctricas que penalizan a produción de alimentos, axudas a programas de desintensificación.