A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. Sindicato Labrego denuncia impagos da Tegestacín SL e esixe medidas por parte da Consellaría

Sindicato Labrego denuncia impagos da Tegestacín SL e esixe medidas por parte da Consellaría

29 de Xullo do 2021

concentra_tegestacin

A empresa acumula débedas dende os 3.000 aos 80.000 €, correspondentes a entre os dous e os catro meses de produción, que comprometen a viabilidade das granxas. O SLG reclama da administración autonómica a cancelación da licenza de primeiro comprador de leite para aquelas empresas que non cumpran nos pagos ás granxas subministradoras, así como restricións no acceso a axudas públicas -e mesmo devolución das mesmas- para empresas con historial de impagos.

Nunha concentración diante da Consellaría do Medio Rural en San Caetano, o Sindicato Labrego Galego vén de denunciar a situación en que se atopan granxas de distintas comarcas ás que a industrai Tegestacín SL adebeda entre dous e catro meses dos pagamentos polo leite subministrado, débedas que veñen comprometer a viabilidade dos proxectos.

No escrito presentado por rexistro faise notar ademais a presenza, entre as persoas xestoras da Tegestacín, de persoas que "anteriormente xestionaron Lácteos Tambre, S.L., Lácteos Merza, S.L., Logística Alimentaria S.L., empresas que se adicaron á recollida de leite e que tiveron situacións de impago ás explotacións".

O Sindicato veu colocar isto en coñecemento da Consellaría como primeiro paso no proceso que leve a que as gandarías sexan retribuídas como lles corresponde. Na comunicación faise constar ademais o feito de que sexa unha empresa que ten recibido axudas públicas -máis de 350.000 euros da Consellaría en 2018- a que incorre agora nestas actitudes. Axudas que "non ten ningún condicionado para que as empresas que tiveran casos de falta de pago do leite poidan ser perceptoras". Por iso reclaman da Xunta unha revisión das bases desas axudas que garantan que quen recebe cartos públicos cumpra logo cos produtores e produtoras.

Retirada da licenza e modificación do marco dos contratos homologado

O SLG reclama, para xa, o "inicio dos trámites para a cancelación da licenza de operador como primeiro comprador de leite no territorio Galego" desta e outra empresas que presenten impagos ás granxas subministradoras. Certifican que "non están a resultar eficaces nin adecuados os contratos homologados nin o resto de instrumentos adoptados polos Ministerio e pola Consellería para protexer ás granxas de produción de leite fronte a estas prácticas dos operadores". Por iso se reclama unha revisión do marco dos contratos homologados, encamiñado a "evitar a introdución nos mesmos de cláusulas prexudiciais para as granxas produtoras de leite". Neste sentido, sinálase como exemplo o caso destas gandeiras e gandeiros con que acumula débeda a Tegestacín.

Estas atópanse nunha situación en que o marco referencial dos contratos homologados encamiña calquera reclamación a un mecanismo de arbitraxe que esixe o pagamento por adiantado de cantidades -até 3.249,38 euros para reclamar un total de 25.000- dificilmente asumíbeis por quen xa foi colocado nunha situación precaria por parte das industrias.

 

concentra_tegestacin_varias