A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Gandería>
  4. Leite>
  5. As granxas de leite galegas perden 10 millóns de euros cada ano por non cubrir os custes de produción

As granxas de leite galegas perden 10 millóns de euros cada ano por non cubrir os custes de produción

5 de Xullo do 2021

Becerro frisón

O pasado 2 de xullo, o Observatorio da Cadea Alimentaria do Ministerio de Agricultura aprobou o estudo da cadea de valor do leite, cuxos datos veñen confirmar as denuncias que o Sindicato Labrego Galego vén facendo dende hai décadas. O dato que máis nos interesa deste estudo é que fixa o custe de produción medio para un litro de leite de vaca no Estado español en 0’3565 €/litro.

Cos custes de produción en 0'3565 € por litro, é doado comprobar que as granxas galegas son as que máis perden do Estado, ao ser as que máis leite producen e as que o fan co prezo máis baixo. Por exemplo, en 2020 as granxas galegas produciron 2.895.849 toneladas de leite que venderon a un prezo medio de 0,323 euros por litro. A partir destes datos, podemos tirar que o sector lácteo galego deixou de ingresar 9.701.096 euros en 2020 por non chegar o prezo a eses 35,65 céntimos no que se sitúan os custes de produción.

Eses 10 millóns de euros anuais que están a perder as granxas de leite galegas engrosan as contas de beneficios da industria láctea e das grandes cadeas de supermercados ao amparo dunha Lei da Cadea Alimentaria que segue permitindo a imposición de prezos artificialmente baixos nos contratos de compravenda grazas ás prácticas de abuso e extorsión que se lle están a consentir á industria.

Á vista deste estudo dos custes de produción, dende o Sindicato Labrego Galego esiximos o cumprimento estrito da Lei da Cadea Alimentaria para que non se permita que ningunha empresa poida pagar o leite por baixo dos custes de produción. Ademais, tamén reclamamos que a Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica) inicie unha inspección de oficio de todos os contratos en vigor entre industrias e granxas para comprobar se os prezos acordados cobren eses custes de produción e, en caso de non facelo, interveñan para declarar nulos eses contratos e obrigar á sinatura duns novos que respecten a lexislación vixente e garantan un prezo xusto para o leite que nunca debe ser inferior aos custes de producilo.