A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, participou, o 18 de novembro, na presentación da nova Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo 2020-2025 da Xunta oficiada polo conselleiro de Medio Rural, José González, e o presidente, Alberto Núñez Feijóo. Vilalba expresou o seu sentimento de perplexidade diante do triunfalismo inxustificado do Goberno da Xunta, que se esforzou en bosquexar unha imaxe idílica do sector lácteo galego que pouco ou nada ten que ver coa realidade.
Un bo exemplo deste triunfalismo foi anunciar que o prezo medio do leite en Galiza subiu no último mes rexistrado polo Fondo Español de Garantía Agraria (Fega). Se ben é certo que amosou un lixeiro ascenso, chegando aos 32 céntimos, non é menos certo que ese prezo leva un ano caendo e que seguimos a ter o valor medio máis baixo do Estado e dos máis baixos da Unión Europea. Así, os 32 céntimos por litro dos que se oufanan Feijóo e González están moi lonxe dos 33 que se cobran no conxunto do Estado ou dos 35 de Asturias. Nada que ver co que cobran as granxas nas principais potencias produtoras da UE: Francia (37 céntimos), Italia (35), Holanda (34), Austria (38), Alemaña (33,2) ou Irlanda (36). Tampouco falaron de que, nos últimos meses, os contratos estiveron negociándose á baixa, decotío baixo extorsión das industrias en caso de que os labregos e labregas se negasen a falsear a cláusula dos custes de produción. Tamén anunciou Feijóo que se aumentou a facturación en 40 millóns de euros con respecto do ano pasado e que o sector lácteo galego nunca estivo tan ben. Habería que preguntarse por que, entón, o prezo do leite non deixou de caer durante todo este ano na Galiza.
Outro dos espellismos nos que porfiou o presidente da Xunta foi o do rexuvenecemento do sector, cun 10% do sector de titulares menores de 30 anos. Pero a realidade é outra moi distinta pois a sangría de granxas que pechan definitivamente non para de aumentar. Hoxe en día, Galiza ten menos de 7.000 explotacións lácteas (6.857 en setembro de 2020, segundo o Fega). Non sobra lembrar que, dende que Feijóo goberna na Xunta, en Galiza pecharon a metade das 13.000 granxas que estaban activas por aquel entón.
Máis alá do triunfalismo, a pouco que rañemos nos anuncios feitos, comprobamos que vén sendo máis do mesmo, que a copla xa soa doutros planos estratéxicos presentados no pasado e que, un tras outro, foron quedando en auga de castañas. Para empezar, esta estratexia deseñouse sen contar co consenso dos axentes do sector. É certo que se nos deixou participar nos debates previos, pero a estratexia cociñouse en San Caetano sen ter en conta o consenso dos distintos axentes.
Seguimos sen rastro de foros ou ferramentas para debater e chegar a consensos no sector
Así, imos seguir sen un foro no que os distintos axentes poidan negociar e dialogar sobre cuestións tan importantes coma o prezo do leite. Falouse de incluír a distribución na Interprofesional Láctea (Inlac), con sede en Madrid. Tamén se falou de seguir apoiando as Organizacións de Produtores Lácteos (OPLs) como entidades para negociar prezos entre industrias e granxas. Pero ben sabemos que a primeira destas propostas non lle vai servir para nada ás nosas granxas, igual que a segunda. Non esquezamos que as OPLs están operativas dende 2012 e, en oito anos, non foron quen de negociar ningún prezo coas industrias. Iso si, están a ingresar cantidades inxentes de diñeiro público por non facer nada, un feito escandaloso que roza a prevaricación.
Outro canto de serea foi o de reducir a presión fiscal sobre as granxas, algo que sería positivo de non ser porque, ao tempo que baixan algunhas taxas autonómicas, increméntanse notablemente outras coma o IBI que grava instalacións agrarias e vivendas rurais.
Tamén se falou de reforzar a rede de oficinas agrarias comarcais (OACs), cando en realidade levamos anos asistindo ao seu completo desmantelamento. De feito, agora a maioría dos trámites hai que facelos en xestorías, gabinetes técnicos, organizacións agrarias, etc. porque teñen orde de non facelos nas OACs.
Como o falar non ten cancelas, outro anuncio foi o de investir en facer o sector lácteo máis sostible, algo loable pero que nos parece de difícil realización se non se apoian directamente modelos como a gandería ecolóxica ou o pastoreo. Pola contra, semella que a tendencia do sector lácteo galego coas políticas da Xunta é a de ir cada vez cara a explotacións máis concentradas, con máis cabezas de gando por granxa e xestionadas con modelos cada vez máis intensivos. Folga dicir que ese modelo axuda a que cada vez quede menos xente no rural, destruíndose emprego agrario, e recorre a prácticas menos sostibles para o medio ambiente. Todo moi acorde coa visión expresada polo conselleiro de Medio Rural de ver os gandeiros como empresarios que se deben formar en escolas de negocios.
A realidade do sector é moi distinta do país das marabillas que porfía en facernos ver a Xunta
E así poderiamos seguir, poñendo exemplos de anuncios triunfalistas contrastados coa dura realidade do día a día das nosas granxas extorsionadas pola industria, encaixando constantes rebaixas no prezo, obrigadas a producir por baixo dos custes, moitas sen poder acceder a máis base territorial para mellorar o seu sistema de xestión e rendibilidade, cun decreto dos xurros en cernes que terá gravísimas repercusións se non se fai nada por retiralo, etcétera. Nada nos gustaría máis que un goberno valente que puxese en marcha iniciativas e accións que fosen realmente beneficiosas para as menos de 7.000 granxas que seguen activas na Galiza, pero moito nos tememos que a nova estratexia do sector lácteo vai ser unha máis, coma outras que xa ten anunciado Feijóo, que serven para sacar uns titulares rechamantes un día e para gardar no caixón do esquecemento os vindeiros catro anos.