A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. A PAC e as producións labregas>
  4. Os papeis da PAC (e 4): Os puntos quentes do debate estatal, a finais de 2020, para o Plan Estratéxico

Os papeis da PAC (e 4): Os puntos quentes do debate estatal, a finais de 2020, para o Plan Estratéxico

12 de Outubro do 2020

Horta

Máis que unha reforma da PAC é un gran cambio. Non é unha reforma porque o fondo segue igual, pero vai cambiar tanto que é moi probable que non cobremos o mesmo. Agora mesmo, non temos maneira de saber como imos quedar con estes cambios. O Ministerio de Agricultura xa o debería saber (e supoño que o sabe), pero non é público e o que imos sabendo da súa postura e a doutras comunidades autónomas é por xornadas ou por declaracións.

Parece que interesa que nos enfrontemos nun falso debate polos cartos e polas hectáreas as persoas que temos os mesmos intereses: A PAC segue sen garantir prezos nin proporcionar un apoio máis xusto á renda dos labregos e das labregas que producen alimentos, independentemente de se os producen en Galiza ou en Andalucía.

No Plan Estratéxico xa se define de forma moi precisa como vai ser a PAC en España en todo o que se refire aos pagos directos (1º piar) e ao desenvolvemento rural (2º piar). Vai ser a primeira vez que dependan tantas cuestións das decisións que se tomen no Ministerio de Agricultura.

O que xera maior debate neste momento no Estado ten que ver con quen vai ter dereito a cobrar as axudas directas (definición de persoa agricultora xenuína) e en base a que se van cobrar esas axudas. Unha vez se coñezan estas dúas decisións, podemos empezar a falar de como lle vai afectar a Galiza o Plan Estratéxico.

Por que está centrado o debate na definición da persoa agricultora e dos criterios para conceder axudas?

No debate sobre a persoa agricultora xenuína parece que o Ministerio está por considerar como tal aquela que teña uns ingresos agrarios respecto dos seus ingresos totais entre un 20% e un 30%. Ademais, tamén se fala de considerar unha nova figura que sería a persoa agricultora xenuína plus como aquela que teña máis do 50% dos ingresos procedentes da actividade agraria, o que lle faría ser receptora exclusiva dalgunha das axudas. Isto é importante porque moitas das solicitantes de PAC actuais quedarían fóra, aínda que entrarían no réxime de pequenas perceptoras. Feita esta definición, coñeceremos se grandes empresas ou persoas sen actividade van seguir cobrando ou non, o mesmo que as persoas xubiladas ou as persoas que teñen outras actividades. Tamén se poden poñer outras limitacións ademais da porcentaxe de ingresos agrarios sobre ingresos totais. Polo tanto, este debate é certamente importante. Neste punto pensamos que hai certo consenso por parte das comunidades autónomas e o Ministerio de Agricultura.

En canto ao debate sobre os criterios polos que se van poder recibir axudas, hai menos acordo. Ninguén baralla a posibilidade dun pago distinto ao pago por superficie que poida ser máis xusto para as persoas. Polo tanto, damos por suposto que o pago vai ser por hectárea elixible. A cuestión é como se vai pagar a axuda básica á renda, que substitúe ao que agora coñecemos por pago básico e que antes foi pago único. Estes pagos estanse cobrando desde o ano 2006 en base a uns dereitos asignados a unha persoa ou empresa que chamamos históricos porque se mantiveron máis ou menos desde aquela.

Se desaparecen estes dereitos históricos, que se baralla para substituílos?:

  • Outros dereitos que se asignarán en función de non sabemos que.

  • Mudar a un sistema de pago pola superficie que se declare cada ano.

  • Un sistema mixto que consista uns anos cun sistema de dereitos para pasar despois a un pago por superficie.

Isto leva consigo que hectáreas que nestes momentos non teñen dereitos de pago (pastos, viñedo, horta, froiteiras) poidan entrar cada ano para cobrar a axuda básica á renda. A cuestión é cantas hectáreas entran e que vai significar.

Este punto leva a outro tema polémico: O importe por hectárea e cantas rexións de pago se establecen. Nestes momentos hai 53 e hai quen di que deberían ser moitas menos (cinco ou seis, a metade... Hai para todos os gustos) e que as diferenzas de importe entre unhas rexións e outras teñen que ser mínimas porque o lóxico é que dúas persoas con cultivos iguais cobren o mesmo por hectárea.

Se, ao final, consideran xusto un pago moi semellante por hectárea e non unha equiparación máis igualitaria do importe que perciben as persoas, pois botade contas do que imos gañar. Só un exemplo dunhas hectáreas que ate o de agora quedaron fora e que ao mellor entran: viñedo. Se o pago por hectárea de viñedo é moi semellante en todo o Estado, na Galiza quedariamos, outra vez máis, case fóra dos pagos.

Outro tema que xera debate son os ecoesquemas. Finalmente vai ser obrigatorio que os estados os poñan en marcha e que lle dediquen entre un 20% e un 30% do sobre do 1º piar (está sen decidir). Os ecoesquemas serían voluntarios para os labregos e as labregas; é dicir, cada ano poderiamos valorar se nos acollemos ou non (e se cobramos ou non o que sexa de ecoesquema). Nestes momentos o que está en debate é se van ser abertos para que entren moitos e moitas ou van ser restritivos e vai quedar fóra moita xente.

Os ecoesquemas teñen que ter uns compromisos agroambientais superiores á condicionalidade reforzada, obrigatoria para cobrar a axuda básica á renda, e distintos ás agroambientais que deseñan as comunidades autónomas. Hai moitas dúbidas respecto á súa aplicación: Poderei acollerme a varios? Para todas as hectáreas que declare? O compromiso pode ser só para algunhas hectáreas? Cobran os que teñan dereito á axuda básica á renda ou poden entrar outro tipo de explotacións? Nestes momentos o Ministerio ten un borrador con oito ecoesquemas, a Consellería de Medio Rural ten tres.

Cuestións que non están no debate público pero que se están a negociar:

  • Porcentaxe dos fondos do primeiro piar que se destinan á axuda básica á renda, á axuda redistributiva, aos ecoesquemas, á axuda para moz@s do primeiro piar. A axuda redistributiva con fondos suficientes e ben aplicada podería ser importante para Galiza, pero vemos pouco interese ou a aplicación que se propón ás veces pode beneficiarnos pouco.

  • Porcentaxe que se destina ás axudas asociadas e unha decisión fundamental: Que sectores se financian con estes fondos (decide o Ministerio de Agricultura e en cuestión de cartos temos bastante que perder aquí).

  • O programa sectorial do viño, que podería ser importante para nós pero tamén pintamos pouco ou nada.

  • O tope por explotación, se se aplica ou non e se se descontan salarios e como. Un tema tamén básico. Seguimos pensando que se unha explotación familiar cobra máis de 100.000 euros, en realidade esa axuda está servindo para cubrir custes e, na realidade, é para a industria.

Ficheiro adxunto