O mércores 28 de setembro, o Parlamento Europeo votará sobre un infame e controvertido paquete de seis medidas lexislativas que pretenden ser a pedra angular dun novo modelo de goberno económico da Unión Europea en resposta á crise económica. As seis propostas lexislativas sobre o “goberno económico europeo” farán que a cidadanía pague, aínda máis, pola cobiza e o enriquecemento criminal da banca e das corporacións. O máis probable é que estas medidas prolonguen a crise, recorten os dereitos sociais, e exerzan un “golpe de estado” adicional á democracia. Por todo isto, defendemos que outras respostas á crise son necesarias.
O Fouce 288, correspondente aos meses de verán, vén de saír do prelo. A reforma da Constitución, a desaparición da Consellaría de Medio Rural fronte a problemas como a seca ou os impagos de Lácteos Tambre, o mercado e a nova web de alimentos labregos, as alegacións contra o canon da auga, a defensa dos intereses de viticultores e viticultoras na vendima ou o Foro Europeo de Soberanía Alimentaria celebrado en Krems, son só algúns dos temas que ocupan as súas páxinas.
A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, acompañada de Xosé Manuel Calvo Rei, membro da Executiva desta organización agraria; reuníronse, o 5 de setembro, coa deputada polo BNG no Congreso, Olaia Fernández Dávila, para falar da Lei de Funcionamento da Cadea Alimentaria.
A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, acompañada de Xosé Manuel Calvo Rei, membro da Executiva desta organización agraria; reuníronse, o 1 de setembro, con Isabel García Pacín (voceira de Medio Rural do grupo popular no Parlamento de Galicia) e Olga Iglesias (voceira de Medio Rural polo PPdeG nas Cortes), para falar da futura Lei de Funcionamento da Cadea Alimentaria que, en breve, se debaterá nas Cortes Xerais.
Máis de medio cento de afiliados e afiliadas do Sindicato Labrego Galego reuníronse hoxe, 31 de agosto, no entorno da igrexa de Pontoxo, na parroquia das Encrobas (Cerceda), para celebrar a novena edición da Romaría “por un mundo rural vivo”, que organiza todos os anos o centro sindical da comarca de Ordes.
O Sindicato Labrego Galego manifesta a súa oposición ao acordo acadado entre o PSOE e o PP para limitar, desde a Constitución Española, o déficit e a débeda pública, tanto polo contido como polas formas en que o fixeron.
A mediados de xullo, o Sindicato Labrego Galego erguía a voz de alarma diante do tremendo impacto que a seca dos últimos meses está a ter nas explotacións agrogandeiras galegas. Daquela, o SLG reclamaba da Consellaría de Medio Rural a creación dunha liña de axudas directas destinadas a paliar as perdas producidas pola seca nos diversos sectores de maneira inmediata.
Entre os vindeiros 8 e 10 de setembro, celebrarase no Recinto Feiral “Terra do Queixo” (Multiusos) do Concello de Arzúa (A Coruña) o curso de verán: Cincuenta anos de sindicalismo agrario en España: da ditadura á democracia (1936 – 1986), organizado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da Universidade de Santiago de Compostela e polo Grupo de Investigación HISTAGRA: Historia Agraria e Política do Mundo Rural. Séculos XIX e XX. Entre outras persoas, participará no curso Lidia Senra Rodríguez, secretaria xeral do SLG entre 1989 e 2007 e actual secretaria de organización.
Ao incremento continuado dos custes que están a sufrir as explotacións agrogandeiras de toda Galiza (butano, gasóleo, electricidade, pensos, abonos, etcétera) vanse unir este verán as perdas provocadas pola seca. O mes de xuño resultou ser un dos máis secos da década, con rexistros como os das estacións meteorolóxicas de Lugo, con 1'8 litros/m² en 2011 fronte aos 123'8 litros/m² do 2010; de Verín, con 4'2 litros/m² en 2011 fronte aos 90'5 litros/m² do 2010; ou Mabegondo (A Coruña), con 12'6 litros/m² en 2011 fronte aos 117 litros/m² do 2010).
O Sindicato Labrego Galego quere expresar a súa indignación diante do peche do xornal Galicia Hoxe, que seguirá o ronsel deixado por outros medios de expresión integramente redactados en galego e cunha liña editorial alternativa á oficial como A Nosa Terra, Vieiros, A Peneira ou GZ Nación. Todos eles botaron o peche nos primeiros anos de mandato de Núñez Feijóo á fronte da Xunta de Galiza.