A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. A Mesa Galega da Educación no Rural presenta unha serie de demandas contra 70 anos de marxinación escolar

A Mesa Galega da Educación no Rural presenta unha serie de demandas contra 70 anos de marxinación escolar

12 de Decembro do 2013

Presentación en Compostela

O pasado 27 de novembro, a Mesa Galega de Educación no Rural (MGER) presentaba, en Compostela, un documento en defensa dun ensino público de calidade e universal no noso campo. A MGER está integrada polos movementos de renovación pedagóxica galegos -Asociación Socio Pedagóxica e Nova Escola Galega-, sindicatos do ensino -CIG, CCOO, CSIF, STEG, UGT- e a Asociación socio-educativa Antonio Gandoy (antigo Preescolar na casa). Para elaborar o documento final presentado, contaron coa participación, a maiores, de asociacións de pais e nais do rural, profesorado e especialistas de diversos campos. O 10 de decembro, a presentación tiña lugar en Lugo.

O SLG coincide tanto na diagnose que denuncia unha “asfixia” da educación no medio rural inserida no mesmo proceso de desmantelamento que está a padecer o campo no seu conxunto”; como na táboa reivindicativa condensada no Plan de educación específico para o rural que defende a MGER. Por iso, o SLG apoiou publicamente a presentación deste documento que, ademais de facerse en Compostela, tamén se realizou en Lugo, o 11 de decembro. De seguido, publicamos un resume das principais demandas da MGER que veñen contidas no Plan de educación específico para o rural. O documento completo pódese descargar premendo na icona que hai ao remate desta páxina:

Deseñar un plan de desenvolvemento socioeconómico coordinado entre as distintas consellerías para frear e reverter o proceso de despoboamento do rural, fomentando actividades económicas que fixen poboación de forma estable, aproveitando os recursos da terra sen destruílos, e garantindo a oferta de servizos públicos á poboación rural (educación, sanidade, atención ás persoas dependentes, transporte, etc.).

Dentro deste plan, poñer a andar un proxecto educativo específico axeitado ao medio rural, elaborado coa comunidade educativa (universidades, federacións de ANPAs, sindicatos de ensino, movementos de renovación pedagóxica, grupos de desenvolvemento rural, etc.) e que responda ás necesidades reais actuais do mundo rural.

Elaborar un mapa escolar galego que contemple para cada zona ou comarca unha rede educativa que inclúa todas as necesidades educativas desde 0 anos ata a idade adulta.

Fornecer a todas as escolas rurais dos medios humanos e materiais precisos para unha educación de calidade.

Reformular por parte da administración a atención educativa á etapa de 0 a 6 anos, integrando no sistema educativo o ciclo 0-3, entendendo que a atención educativa debe formularse dende unha perspectiva global e comunitaria coa familia, tomando como referencia o modelo que durante 36 anos desenvolveu o proxecto educativo Preescolar na Casa.

Manter as escolas unitarias existentes.

Acelerar a extensión da rede de colexios rurais agrupados (CRAs) ou promover outra forma de agrupamentos funcionais que garantan a dotación dos mesmos recursos sen os requisitos que esixe un CRA.

Asumir un novo modelo de escola heteroxénea en canto a niveis, un novo perfil de escola pequena e de centro adaptado ao rural cunha apropiada organización e unha debida dotación compensatoria de profesorado e de todo tipo de recursos pedagóxicos.

Frear o peche de centros e a redución de unidades, co conseguinte desprazamento do alumnado ás concentracións escolares ou aos centros educativos das vilas e cidades próximas.

Manter a ESO nos centros rurais.

Adecuar a oferta formativa en Bacharelato e FP á realidade do contorno dos centros rurais.

Dotar ás redes escolares dos medios económicos e de transporte necesarios.

Estender o transporte gratuíto a BAC e FP nos IES de zonas rurais.

Manter a gratuidade dos comedores escolares para aquel alumnado que use o transporte escolar.

Implicar ás universidades galegas nun plan formación inicial do profesorado que contemple especificamente a educación no medio rural.

Promover a adaptación do currículo á realidade rural galega, integrando plenamente no día a día de todas as escolas a cultura popular e os saberes tradicionais en proceso de desaparición. Un especial compromiso requíreo a dignificación e a recuperación da lingua galega.

Abrir os centros ao seu contorno, fundamentalmente ao mundo labrego e mariñeiro, mediante saídas, intercambios ou outras actividades interactivas.

Estimular a participación activa das familias na escola, a través do impulso a proxectos de comunidades de aprendizaxe, ou ben a través dos consellos escolares ou da organización que a propia comunidade escolar determine oportuna, entendendo como fundamental que a cultura familiar e veciñal estea presente na escola, para que sexa valorada e respectada, e para potenciar non só a autoestima do alumnado rural senón tamén do seu contorno, e desde aí fortalecer as redes sociais, laborais, etc. da aldea ou vila rural correspondente.

Presentación Compostela

Ficheiro adxunto