O Sindicato Labrego Galego denuncia que o colapso da Oficina Agraria Virtual durante toda esta semana causou e está a causar graves prexuízos nas explotacións gandeiras galegas. Dende o pasado luns, 12 de decembro, foi case imposible realizar xestións básicas para calquera gandeiro ou gandeira como dar de alta aos xatos acabados de nacer. Ao non poder rexistrarse, os animais nados nos últimos días non se puideron vender, cos prexuízos que isto causou.
Por exemplo, os becerros frisóns que naceron en explotacións lácteas, polos que se pagan prezos miserables duns 20 euros por res, están sendo alimentados durante todos estes días até que se poidan rexistrar na Oficina Agraria Virtual, o que supón un gasto imprevisto que non darán nin cuberto cando os vendan. Ademais, debido á deficiente cobertura de Internet do rural galego, habería que engadir o gasto causado polos desprazamentos que os e as titulares de explotacións tiveron que facer até núcleos onde hai Internet para poder facer unhas xestións que, ao final, non puideron levar a cabo.
Este feito demostra unha falta de previsión absoluta por parte da Consellaría de Medio Rural que, hai agora un ano, desmantelou o servizo de identificación de gando para xestionalo a través de Internet cunha Oficina Agraria Virtual que, ante avarías de tipo técnico como a sufrida estes días, non ofrece ningún tipo de alternativa viable para que as explotacións poidan realizar as súas obrigas burocráticas.
Por todo o devandito, dende o Sindicato Labrego Galego esiximos a inmediata reparación e posta en funcionamento da Oficina Agraria Virtual, a articulación de alternativas solventes para cando esta volva fallar, e a reparación dos prexuízos económicos que a incompetencia da Consellaría de Medio Rural puidera ter causado nas maltreitas finanzas das nosas explotacións gandeiras.