A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O novo proxecto para a tramitación da Dependencia non soluciona as listas de agarda e recorta prestacións

O novo proxecto para a tramitación da Dependencia non soluciona as listas de agarda e recorta prestacións

23 de Decembro do 2022

Marga

O SLG-CCLL vota en contra do texto presentado no Consello Galego de Benestar Social na sesión do pasado mércores 21. Restaura o silencio administrativo, malia ás sentenzas en contra da Xunta, incrementa demoras e non aborda a precariedade. 

A Representante do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) no Consello Galego de Benestar Social, Margarida Prieto Ledo, rexeitou apoiar co seu voto na última sesión do mesmo -21 de decembro- o proxecto polo que se regula o Procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos competentes, presentado como suposta solución ás listas de espera e os meses de retraso na asignación de prestacións as persoas dependentes.

 A modificación presentada pola Xunta de Galicia, un dos gobernos autonómicos que precisamente vén reducindo o orzamento adxudicado á atención á dependencia, empeora inda máis a xa de por escandalosa precarización deste servizo público básico, agardando polo cal morreron no ano 2021 case medio milleiro de persoas en Galiza falecendo sen esta atención fundamental para a dignidade de calquera persoa, e á que a propia administración confirmou que tiñan dereito.

 “O texto presentado é inaceptábel. Restaura o silencio administrativo negativo do artigo 18 do decreto 15/2010 no caso do PIA, que foi anulado nos tribunais en varias sentenzas, nulo en canto extende o réxime do silencio negativo ao procedemento para a elaboración do programa individual de atención, no parecer do TSXG, sentencias 1090/2011 , de 26 de outubro e 586/2012 de 18 abril, e do Tribunal Supremo. Na práctica isto supón un novo recorte de facto nas prestacións, que se acumula ós retrasos e deixa ás persoas dependentes e as súas familias sen o acceso as prestacións e sen a posibilidade de reclamar siquera”, explica Margarida Prieto.

 De feito, cómpre lembrar que a Xunta acumula condeas por reclamacións de atrasos e condeas en costas, que inda por riba son pagadas pola propia cidadanía prexudicada pola mala atención da Administación. Ademais, previo a este Consello o SLG xa tiña presentado unha queixa diante o Consello e da Valedora polos retrasos en materia de dependencia e discapacide de máis de ano e medio na provincia de Lugo.

Ademais, no Decreto que se pretende derrogar, o 15/2010, de 4 de febreiro (modificado polo 148/2011) recollíanse dous procedementos: primeiro o recoñemento do grao dependencia e logo a aprobación do Programa Individual de Atención (PIA), sendo os prazos máximos para resolver en cada procedemento de tres meses. Na proposta actual, unificando os procedementos non se reduce o prazo, que queda nun total de seis meses, igual que na lexislación hoxe vixente.

 Polo tanto, se ben se unifican dous procedementos, isto non conleva rebaixar substancialmente os prazos máximos de resolución, polo que a Administración galega segue sen abordar o fundamental, que é dotar de persoal suficiente os centros de valoración.

 “A proposta presentada pola Xunta de Galicia, e en xeral a súa política en materia de Dependencia, é unha burla a cidadanía, unha burla ás persoas dependentes e ás súas familias e unha nova burla a un dos sectores máis vulnerables da sociedade. Desgraciadamente, este Consello consultivo avalou, irresponsablemente, esta realidade que nos ven dada. Dende o SLG imos estudar recurrir este Decreto, dado que significa un grave retroceso en materia de dependencia, para o cal a sociedade no seu conxunto está a reclamar precisamente un reforzamento e o fin da súa precarización, incidiu a vogal do SLG-CCLL no Consello Galego de Benestar Social.