Feminismos, alianzas, loitas interseccionais, agroecoloxía e decolonización foron algúns dos eixos dos debates de hoxe. Alertouse do retroceso nos dereitos trans e analizáronse estratexias fronte á desvalorización das mulleres e da mocidade
2 de Novembro do 2022
Feminismos, alianzas, loitas interseccionais, agroecoloxía e decolonización foron algúns dos eixos dos debates de hoxe. Alertouse do retroceso nos dereitos trans e analizáronse estratexias fronte á desvalorización das mulleres e da mocidade
Dende o 1 de novembro até mañá, xoves 3, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) está a coordenar na Guarda (Pontevedra) un encontro da Coordenadora Europea Vía Campesina (CEVC), no que están a participar arredor de medio cento de representantes das entidades integrantes da CEVC e outras organizacións aliadas deste movemento labrego.
Os obxectivos xerais deste encontro son o fortalecemento do movemento desde unha perspectiva feminista e a través de formación interna, partillar experiencias entre mulleres e diversidades de xénero e sexual desde o rural, intercambiar con aliadas feministas doutros movementos, así como desenvolver estratexias, visións colectivas e estruturas para ambas articulacións.
Na mañá de hoxe o debate estruturouse arredor de dous espazos de reflexión centrados nos feminismos. No primeiro deles, Feminismos, alianzas e loitas interseccionais e descolonización: Agroecoloxía e Feminismo, a coordinadora internacional da Marcha Mundial das Mulleres (MMM), Yildiz Temürtürkan, reivindicou a importancia de construír alianzas que nos permitan facer forza común para enfrontar a violencia que o capital exerce contra a Vida, e puxo en valor o traballo conxunto da MMM e La Vía Campesina (LVC) ao longo das últimas décadas.
Seguidamente, Isabel Álvarez Vispo, da rede Urgenci, apuntou que os feminismos forman parte da esencia mesma da agroecoloxía, e destacou a importancia de atopar posturas feministas comúns nos debates presentes no ámbito agroalimentario.
A responsábel da Secretaría das Mulleres do SLG, María Ferreiro, foi a encargada de pechar a primeira parte da xornada da mañá, aportando unha panorámica da situación das mulleres labregas, e reivindicando unha maior visibilización e posta en valor do traballo das mulleres produtoras de alimentos, animando a seguir traballando para avanzar na titularidade compartida das granxas.
A segunda mesa da mañá, Feminismo e interseccionalidade das nosas loitas, articulouse nos bloques Xustiza racial e abilismo, Perspectivas da Mocidade e Dereitos trans.
O primeiro deles foi desenvolvido por Deirdre Woods, da Landworkers’ Alliance, que denunciou que o racismo é unha construción social empregada para xustificar a deshumanización, moi vinculado ás dinámicas de espolio colonial das que se aproveita o capitalismo neolibeal.
As perspectivas da mocidade da Coordenadora Europea Vía Campesina foron introducidas por Jean Mathieu, da Confédération Paysanne, quen reiterou que para que a xente moza se instale no medio rural, ademais de servizos públicos e apoio ás actividades produtivas, é tamén preciso que haxa un ambiente aberto ás diversidades de xénero e sexuais.
A sindicalista e activista Laura Bugalho (TransGaliza) abordou a parte centrada nos dereitos das persoas trans, alertando dun retroceso no desenvolvemento dos mesmos, da súa instrumentalización nos debates xerados no ámbito político, e do ninguneo constante ás persoas trans, fronte ao que apostou por seguir estreitando sinerxias de loita social.
Durante a xornada de tarde transcurrirán as reunións internas da Articulación de Mulleres e a Articulación de Diversidades da CEVC.
Dende ás 21h. terá lugar a cea, que contará ca realización dunha queimada e lectura do “Conxuro Antipatriarcal”, seguido do concerto do grupo musical As Punkiereteiras, actividades abertas ao público en xeral.
Mañá, xoves 3, o encontro continuará durante a mañá cas reunións internas das articulacións de mulleres e diversidades. Ás 15h. está programada unha visita a unha granxa local e ás 18h. terá lugar o peche da xuntanza.