A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O V Festival Son Labreg@ celebrarase en Visantoña e xirará arredor da crise enerxética

O V Festival Son Labreg@ celebrarase en Visantoña e xirará arredor da crise enerxética

9 de Septembro do 2022

V Son Labreg@

O V Festival Son Labreg@, "Colapsa agora para evitar aglomeracións", terá lugar o 17 de setembro en Visantoña (Santiso). O Concello de Santiso e a Banda-Escola de Música de Visantoña colaboran co Sindicato Labrego Galego nesta edición. 

Visantoña (Santiso) acollerá a V edición do Festival Son Labreg@, "Colapsa agora para evitar aglomeracións", que organiza o Sindicato Labrego Galego, en colaboración co Concello de Santiso e a Banda-Escola de Música de Visantoña, nunha xornada festiva que se celebrará o sábado 17 de setembro. A partir das 11:30h, están programadas unha morea de actividades (dende palestras, mercado, música e xantar) até a noite, co peche da edición cos concertos de Odaiko, Cuarta Xusta e DJ Misa dende as 21:30h.

Alén da presentación de proxectos relacionados coa Soberanía Alimentaria, coa Agroecoloxía, co Feminismo, coa Educación Ambiental e de todas aquelas iniciativas que sumen forzas a prol dun mundo máis xusto e ecolóxico, este ano, a temática principal do Son Labreg@ xirará arredor da crise enerxética. Nese senso, o escritor Carlos Taibo, unha das primeiras persoas que teorizou sobre a problemática, abrirá o festival coa palestra que leva por título "Decrescimento e colapso", onde se debaterá sobre decrecentismo, consumo e colapso (11:30h). Ao mediodía, a Banda de Música de Visantoña encargarase de poñer son durante a sesión vermú (13:30h). Haberá mercado e xantar.

Xa de tarde, ás 17:00h, está programada a palestra "Supervivencia en tempos de crise enerxética", na que intervirán Iván Rodríguez (Sindicato Labrego Galego), Manuel Casdeiro (Véspera de nada) e o labrego David Outeiro. Posteriormente, ás 19:00h, coñeceremos os espazos agroecolóxicos da comarca con Manuel Ramos Garea (leite eco), Conchi Castro (horta ecolóxica Esencia da Terra), Xesús Pereira (Queixería Verbas), Xosé García (Rede de consumo O Careón) e Mª José Salgado (ANPA a Xuntanza, CEIP Arcediago).

Ademais, nesta V edición do Son Labreg@, haberá actividades para crianzas e xogos tradicionais (ás 11:30h e ás 17:00h) da man da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional. Como todos os anos, contaremos coa colaboración da Liga Nacional de Billarda e terá lugar o IV Aberto de Billarda Son Labreg@, que organizan LNB e C.C.D O Varal (17:30h).

O Festival Son Labreg@

O Festival Son Labreg@ é un evento itinerante, organizado pola Mocidade Labrega do SLG, que xa se ten celebrado noutros escenarios rurais como Lousada (Sarria), Garabelos (Chantada) ou Montecubeiro (Castroverde). Trátase dunha espazo de xuntanza, de ledicia combativa, de análise, de festa, que se celebrará este ano en Visantoña coa colaboración do Concello de Santiso e da Banda-Escola de Música de Visantoña.

Cartaz Son Labreg@_2022