A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG apoia as demandas da AMPA CPI Uxío Novoneyra e Caurel Vivo para manter o transporte escolar cos taxis locais

O SLG apoia as demandas da AMPA CPI Uxío Novoneyra e Caurel Vivo para manter o transporte escolar cos taxis locais

12 de Xaneiro do 2021

Courel

O Sindicato Labrego Galego apoia as demandas da AMPA CPI Uxío Novoneira e Caurel Vivo para manter o servizo de transporte escolar en Folgoso, como na actualidade, xestionado por seis taxis do lugar. A intención da Xunta é a de licitar o transporte escolar de Folgoso do Courel a unha empresa que o xestione xunto ao doutros concellos veciños como Pobra de Brollón, Bóveda, O Incio, Ribas de Sil e Monforte de Lemos.

Dado que os seis taxis que prestan hoxe este servizo no Courel non puideron participar na licitación, esta acabou recaendo nunha empresa que os substituirá por un autobús. Isto xera dous graves problemas: en primeiro lugar, o autobús non pode acceder a todos os domicilios do alumnado ao non coller por varias pistas e rúas debido ao seu tamaño, polo que se obriga a alumnos e alumnas a desprazarse varios quilómetros para utilizar un servizo que, agora mesmo, teñen á porta de casa; en segundo lugar, privar os taxis da xestión do transporte escolar implica a perda dunha importante, senón imprescindible, fonte de ingresos para seis familias da localidade.

Para o Sindicato Labrego Galego, resulta intolerable que se substitúa a xestión dun servizo público como o transporte escolar en Folgoso do Courel por outro servizo de peores prestacións e que, ademais, implica a destrución de varios postos de traballo na localidade. Precisamente, se a intención da Xunta é manter vivo o rural, debe comezar por xerar riqueza e emprego no propio rural, ademais de garantir uns servizos públicos dunha calidade parella, como mínimo, aos de calquera centro urbano. Polo tanto, non podemos entender nin compartir decisións coma esta que empeoran os servizos públicos e destrúen emprego local. Por todo o devandido, o SLG estará mañá, 13 de xaneiro, en Lugo apoiando a concentración de protesta convocada pola AMPA CPI Uxío Novoneira e Caurel Vivo para demandar:

  • Que se anule ou modifique a licitación de transporte escolar no referente ao CPI Poeta Uxío Novoneyra considerando este un lote único e independente.

  • Que se manteña a calidade do servizo con 6 rutas e vehículos de 9 prazas.

  • Que os taxis que prestan este servizo poidan concorrer á licitación e que para a selección se empregue como baremo selectivo a xeración e mantemento de emprego local.