O Sindicato Labrego Galego apoia a veciñanza de Parga (Lugo) na súa demanda esixíndolle ao Servizo Galego de Saúde a reapertura total do centro médico. Dende esta organización agraria xa denunciamos, nos inicios da declaración do estado de alarma polo Covid19, a posibilidade de que os peches de ambulatorios e puntos de atención continuada realizados para afrontar a pandemia puidesen dar continuidade á política de recortes do Goberno Feijóo na sanidade pública.
Tal e como sospeitabamos, no caso de Parga, o Sergas anunciou unha reapertura parcial para atender pacientes crónicos e para facer labores de enfermería ao tempo que a Xunta se oufana en autoproclamarse a primeira comunidade do Estado que entrará nunha situación de suposta normalidade sanitaria. Se realmente entramos na normalidade, entón non se entende que non o fagan tamén os diversos centros médicos rurais que se pecharon, pois xa non hai motivos técnicos que obriguen a manter o seu peche ou o recorte de servizos que se fixeron, supostamente, para atender unha emerxencia que, segundo a Consellaría de Sanidade, xa non existe. E, aínda que existise, dende o SLG seguimos defendendo que a atención primaria no rural é fundamental de cara a diagnosticar con eficacia e tratar en primeira instancia posibles casos de coronavirus, ou darlles seguimento nos seus propios domicilios, postura que tamén defenden colectivos como a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) ou SOS Sanidade Pública.
Se esta é a lexislatura do rural para o Goberno da Xunta, recordámoslles que a vida no rural non é posible sen uns servizos públicos de calidade, especialmente servizos sanitarios. Só así conseguiremos que a xente siga apostando por vivir ou seguir vivindo no rural.