A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG denuncia deficiencias nos servizos de rehabilitación do HULA que prexudican especialmente a montaña lucense

O SLG denuncia deficiencias nos servizos de rehabilitación do HULA que prexudican especialmente a montaña lucense

15 de Novembro do 2019

HULA

O Sindicato Labrego Galego está a recibir numerosas queixas de afiliados e afiliadas por mor das deficiencias do servizo de rehabilitación que ofrece o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), especialmente por parte de persoas que viven na montaña lucense.

Agora mesmo, as listas de espera son moi longas, o que provoca que, entre unha intervención cirúrxica en Traumatoloxía e o inicio da rehabilitación poidan pasar entre dous e catro meses de espera debido á falta de persoal. Isto obriga a moitos e moitas pacientes afectadas a contratar servizos de rehabilitación privados en Lugo, co custe que isto supón por ter recorrer a clínicas privadas e polo transporte dende zonas rurais que se atopan a máis de 50 quilómetros da capital lucense.

E iso no caso de pacientes que poidan custear o servizo privado, porque hai moitas persoas que, por mor de ter unhas rendas baixas -o caso de moitas granxas de zonas desfavorecidas de montaña-, teñen que apandar coa lista de espera. Neste caso, o prezo que se está a pagar por quilómetro é tan baixo, e a tardanza en ingresar os cartos, tan longa, que ás penas compensa economicamente.

Outro dos problemas que xorden de todo isto son os que teñen pais e nais con nenos ou nenas en rehabilitación. Neste caso, ao non estar de baixa, os pais e nais teñen serias dificultades para sacar tempo e pode levar aos fillos ou ás fillas a rehabilitación.

Ademais, as liñas de axudas que existen para estes casos son totalmente insuficientes ao carecer de orzamento suficiente, situación que empeora no caso de pais e nais con fillos e fillas con enfermidades crónicas (paraplexias, autismo, dificultades de mobilidade, etc.) que precisan de rehabilitación pero que son dados de alta do hospital ao cumprir seis anos de idade, quedando abandonados á súa sorte. Nestes casos, teñen que recorrer a entidades concertadas coa Xunta ou privadas, pero sempre cunhas axudas tan insuficientes que acaban sendo as propias familias as que asumen realmente os gastos.