O Tribunal Económico-Administrativo de Galiza vén de dar a razón un mozo afectado pola excesiva fiscalidade sobre os plans de incorporación de xente nova.Desta maneira, vén de sentarse xurisprudencia a favor de varias denuncias presentadas polo SLG contra a excesiva e inxusta fiscalidade que a Axencia Tributaria lle estaba a aplicar aos Plans de Incorporación de xente moza.
O tribunal recoñeceulle o dereito do denunciante a declarar as subvencións recibidas como axuda de capital e imputar en cada exercicio fiscal só a parte correspondente á amortización do investimento subvencionado. Do mesmo xeito, a subvención para reducir os xuros bancarios ten consideración plurianual, polo que cada ano só se debe imputar a parte correspondente aos xuros dese exercicio. Actualmente, o gabinete xurídico do SLG ten outro expediente pendente de resolución por esta causa nos xulgados.
Esta sentenza senta xurisprudencia e deixa a porta aberta para que mozos e mozas damnificadas pola excesiva fiscalidade poidan reclamar. Así, comeza a solucionarse un problema que o SLG leva varios anos denunciando. Ademais de considerar inxusto que estas axudas tributen como incremento patrimonial, pagando os mesmos impostos que os premios de lotaría, tamén denunciamos a desigualdade entre administracións á hora de aplicar estas obrigas fiscais.
Dende o SLG denunciamos casos de afiliados e afiliadas que, cobrando unha subvención de 22.000 €, tiveron que pagar entre 5.000 e 9.000 € de impostos o mesmo ano de concesión da axuda, cando o importe se ingresaba ao ano seguinte. Diante destes abusos, houbo mozos e mozas que renunciaron á axuda.
CRONOLOXÍA DUNHA LOITA
De seguido, resumimos algunhas das accións que o Sindicato Labrego Galego levou a cabo para denunciar esta inxustiza:
2016
- Xuntanza de María Ferreiro coa delegada territorial da Axencia Tributaria na Galiza, Imelda Capote.
- Xuntanza coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo.
- Denuncia feita por Xosé Ramón Cendán diante do Comité de Seguimento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR).
2017
- 26 de outubro: Xuntanza de María Ferreiro e Xosé Ramón Cendán co director da Área de Agricultura da Delegación do Goberno, José Álvarez Robledo.
11 de novembro: Concentración de protesta diante da Consellaría de Medio Rural.
2018
- 11 de xaneiro: Xuntanza de María Ferreiro e Conchi Docampo coa directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo.
Dúas imaxes de accións levadas a cabo polo Sindicato Labrego Galego para denunciar a inxusta fiscalidade sobre os Plans de Incorporación: arriba, concentración de protesta diante de Medio Rural en novembro de 2017; abaixo, xuntanza entre Belén do Campo, María Ferreiro e Conchi Docampo, en xaneiro de 2018