A primeira palestra celebrada, na que participaron mozos e mozas que están levando a cabo anovadores proxectos gandeiros en clave agroecolóxica, tivo como denominador común a coincidencia en criticar a enorme cantidade de atrancos legais e a burocracia moitas veces insuperable á que teñen que facer fronte dende o primeiro momento. Falaron neste primeiro encontro, celebrado pola mañá, Ana Corredoira (Lácteos A Cernada), Alberto Santín (gandeiro de ovino e caprino en Samos), Xosé García (Casa da Fonte, lácteos) ou Mónica Llenderrozos (gandeira de Oscos, Asturias).
A falta de conexión da Administración coa realidade ou o apoio interesado que se lle dá a un modelo agrícola produtivista e en clave industrial, fai que as granxas familiares de pequeno e mediano tamaño, ou aquelas que apostan por modelos alternativos, como as agroecolóxicas, queden sempre marxinadas e cun sistema legal e administrativo que vai contra elas e as súas realidades. Obviamente, as diversas administracións, tanto Consellaría de Medio Rural como Ministerio de Agricultura, poderían facer moito máis por este tipo de proxectos aprobando leis e normas que favorecesen este tipo de producións a pequena escala que apostan por transformar e comercializar os seus propios produtos. Pero todo son atrancos polo que, xa lonxe de agardar apoios dende as administracións, os gandeiros e gandeiras participantes afirmaron que se conforman “con que non nos amolen. Xa que non nolas queren dar, que non nos dean axudas pero, polo menos, que non nos poñan continuamente atrancos”.
Un exemplo deste tipo de atrancos témolo no sector de ovino e caprino. Alberte Santín explicou que “Para que sexa rendible a actividade, temos que sacrificar nós mesmos os cabritos e os años na propia granxa, xa que, tal e como están os matadoiros oficiais neste país, son un roubo. Que alternativas nos deixan? Ou sacrificar na casa ou pechar. Non debería ser así. Deberiamos ter outro xeito de comercializar os nosos produtos con garantías e sen perder cartos”. Nisto tamén incidiu Mónica Llenderrozos: “A burocracia é tan esaxerada que se fai inaccesible facer nada legal, e se o fas ilegalmente estás vendida e non estás no sistema. É complicado poder facer as cousas ben, honestamente, e contribuír a que o país avance”.
Ana Corredoira, que hai pouco estableceu unha alianza entre a súa granxa familiar A Cernada e Granxa Maruxa para crear Vacas da Ulloa “o único que queremos facer é seguir vivindo deste oficio no lugar onde nacemos. Para nós o futuro pouco ten que ver coa mensaxe que tenta transmitir a Administración. O futuro non é producir máis para facer máis cartos, pero nun sistema que segue a tratarnos mal, que nos marca as pautas pero non nos garante o mañá, o que queremos é ser nós mesmas as que construamos ese futuro sen que ninguén nos diga como debemos facer as cousas”.
Ademais de loitar contra a burocracia, Xosé García, de Pantón, tivo que superar a tradición familiar e social para levar a cabo o seu proxecto contracorrente: en troques de seguir mercando vacas para producir máis e máis leite, decidiu transformar ese leite en produtos de valor engadido e diversificar con outras producións como a avícola ou o porcino. “Moita xente que traballa na Administración non ten un contacto real co campo nin sabe realmente como funcionan as cousas. Cando eu presentei nun Plan de Mellora unha sala de muxido móbil, na oficina alucinaron. Até que demostrei que en moitos países da UE xa estaban a funcionar e lograron convencerse de que era factible, non foi para adiante. Mesmo cando quixen coller o relevo na granxa, desaconselláronmo totalmente porque vían o proxecto inviable producindo tan pouco leite. Pero xa levo sete anos e non me vai tan mal. Cadaquén ten que buscar o seu camiño e cada granxa é un mundo. O que para uns é rendible, para outros igual non o é”.
Tras unha sesión vermú na que Anxo Moure actuou para a rapazada, e despois do xantar, as palestras continuaron centrando a ollada na cultura que se está a desenvolver no rural. Participaron, desta vez, Antón Bocixa (cineasta, xestor da produtora audiovisual Tingalaranga e cantante do grupo Zënzar), Anxo Moure (Cinema Palleiriso e Asociación Cultural Papaventos de Educación Ambiental), Lola Tourón (Cestería Viva) e Vanesa Castro (Rural Contemporánea).
Se houbese que buscar tamén un denominador común nas intervencións da tarde, este sería que tódalas persoas que falaron atoparon, nalgún momento das súas vidas, o zume para desenvolver novas experiencias culturais nas raíces da propia tradición, na aldea, no rural. O propio anfitrión da xornada, Anxo Moure, coa axuda de centos de persoas que teñen colaborado nalgún dos seus proxectos, conseguiu facer do seu amor ás árbores o seu medio de vida, como ecoloxista, como contacontos ou como divulgador de valores como o respecto á natureza. Quizais, unha das más evidentes expresións de que é posible dar continuidade á cultura rural no século XXI é o Cinema Palleiriso, posible grazas á conversión dunha palleira en cineclube. “Levo 9.000 sesións de contacontos e máis de 2.000 colexios, bibliotecas e espazos visitados, sendo moi feliz. Cando chegou Marta a casa, descubrimos que tiñamos un espazo espectacular e creamos este proxecto, buscando a colaboración de moitas persoas: a cabana na árbore, o cine... Máis de 4.000 persoas pasaron nos últimos catro anos por aquí”.
Partindo dunha experiencia vital moi distinta, Xosé Antón Bocixa criouse como neno labrego nas Encrobas para rematar sendo o cantante da banda de rock Zënzar e director de proxectos audiovisuais case sempre centrados no documental de denuncia. Velaquí outro bo exemplo de como as novas culturas se funden coa tradicional: cando Bocixa rodou o documental As Encrobas: A ceo aberto: “En Cerceda montamos un grupo de rock para protestar. Co paso do tempo, engancheime a unha cámara e fun facendo cousas, como o documental sobre As Encrobas. Fíxeno para fuxir da miña propia depresión e xuntar á xente da miña parroquia. Aquilo funcionou, foi unha terapia colectiva poder contar outra versión do acontecido. Porque non foron só aquelas batallas; foi unha guerra de trinta anos. As Encrobas foi unha derrota para moitos, tamén unha vitoria. Para min, foi a derrota do épico: foi unha derrota porque conseguiron explotar a mina e destruír o val, pero foi unha vitoria porque fixemos desa loita unha icona de resistencia”.
No caso de Lola Tourón, que creou a marca Cestería Viva coa que promove o seu traballo neste arte, criouse na aldea da Carqueixada, na zona alta do Val de Lóuzara. Naqueles invernos longos da infancia que obrigaban á autosuficiencia, Lola mamou dende o berce tódalas artes necesarias para a vida diaria, dende o tear onde tecían a nai e as tías, aos zocos que tallaba o pai ou a fragua do tío. “Para min iso é a cultura. Todo iso que vivenciamos de pequenos e que nos unen, que fan que teñamos un nexo común entre as persoas e que, dalgún xeito, é algo co que nós nos identificamos sempre. Dáme mágoa que perdamos cada día partes importantes da nosa cultura, porque considero que a nosa cultura é moi rica”.
Precisamente, Lola Tourón acabou aprendendo unha das poucas artesanías que non se facían na súa casa: a cestería. Tras facer un curso, decatouse que a xente traballaba con materiais traídos de Asia, polo que comezou a experimentar co que tiñamos aquí, “e descubrín que tiñamos a man unha riqueza impresionante de materiais”. Lola laiouse pola irrupción do plástico en substitución dos obxectos de cestería, e do esquecemento de moitos por terse perdido o seu uso. Porén, “temos aínda esa riqueza depositada nas persoas que facían estes traballos e artesanías. Aínda están aquí, moi vellas, polo que estamos a tempo de aprender ou recibir esa información directa da xente que a viviu nun mundo xa extinto”.
Finalmente, Vanesa Castro falounos dun bo feixe de iniciativas que están a desenvolver a través da asociación Rural C (de Rural Contemporánea, www.ruralc.com). As raíces desta matriz de proxectos dinamizadores do rural habería que buscala no traballo de estudo que Vanesa desenvolveu en Montemor-o-Novo (Alentejo, Portugal), un municipio cunha vila grande e moitas parroquias ao redor, semellante a tantos de Galiza, que apostou fortemente polo cooperativismo. Vanesa estudou esta experiencia como a dun ecosistema rural que fixaba poboación e no que a xente é feliz, e tentou sacar as claves para poder aplicalo na Galiza (culturanorural.wordpress.com).
"A partir desta experiencia, nunca máis volvín á cidade e comecei a vivir en distintos puntos do rural da Península, até que rematei na miña aldea na Galiza, en 2012. E aí, tentamos desenvolver numerosos proxectos, dinamizar, formar redes, colaborar, axudar, sacar adiante proxectos colaborativos, etc. Temos traballado en numerosos proxectos de agroecoloxía e activismo, dende a Plataforma contra as Fumigacións á dinamización das comunidades de montes con Montenoso, dende equipos móbiles para extracción de mel nas casas até o labor de recuperación da memoria que fixemos con Historias do Miño”.