Tralos cambios de carteiras no Goberno da Xunta, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane, mantivo senllas xuntanzas co novo conselleiro de Medio Rural, José González, o 2 de outubro; e coa titular de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, xusto onte, 17 de outubro. En ambos encontros, Isabel Vilalba aproveitou para poñer sobre a mesa varias cuestións pendentes de resolver por ambas consellarías que afectan de cheo ao agro galego.
Algunha das problemáticas das que lle falou a secretaria xeral do SLG ao novo conselleiro de Medio Rural xa supoñen eivas crónicas para a nosa agricultura: o feito de que os prezos en orixe sigan sen cubrir os custes de produción no meirande dos sectores, a escasa disponibilidade e a dificultade de acceso á terra agraria para as nosas granxas ou os danos da fauna salvaxe son atrancos que seguen aí sen que a Consellaría de Medio Rural teña feito nada ao respecto; máis ben o contrario: medidas como a convocatoria de mesas de prezos nas que Medio Rural facía de mediadora hai moitos anos que non se convocan, ou a pasividade máis absoluta na superpoboación de especies salvaxes como o xabaril ou a forestación de terras agrarias, foron temas concretos que Isabel Vilalba denunciou ao novo conselleiro.
A secretaria xeral do SLG expúxolle ao conselleiro que hai medidas concretas que se poden tomar dende a Consellería para comezar a traballar e que só dependen da vontade política da Xunta: convocatoria de mesas de prezos, mellorar a cobertura das indemnizacións por ataques de fauna salvaxe e recortar o máximo posible o ingreso das axudas, actuar de oficio diante da forestación ilegal de terras agrarias, promover estudos que fixen os custes de produción de cara a termos ferramentas para fixar prezos de referencia nos diversos sectores, etc.
Outro dos temas tratados foi o das axudas da Política Agraria Común (PAC). Vilalba salientou a necesidade de darlle outra orientación aos criterios de reparto para que beneficien, especialmente, a mocidade labrega, as novas incorporacións á actividade agraria ou as granxas de dimensión familiar. Neste senso, serían necesarias alianzas con outras comunidades do Estado que queiran apostar por un modelo de PAC e un reparto das axudas máis xusto e orientado cara a un asentamento cada vez maior de persoas no rural e na profesión agraria.
Ademais, tamén se trataron cuestións como a necesidade de que a Xunta apoie liñas de investigación dirixidas a un uso práctico nos sectores agrarios e a resolver problemas cuxa solución é eminentemente técnica, a potenciación da compra pública de alimentos para apoiar as granxas e as producións locais, ou a necesidade de apostar polas producións de calidade e con valor engadido de cara a mellorar o nivel de prezos e rendas das granxas.

Algunhas das materias pendentes de Medio Ambiente: Velutina, fauna salvaxe, licenzas ambientais e lodos de depuradora
No encontro de traballo mantido coa nova conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a secretaria xeral do SLG levou á xuntanza varias cuestións dependentes de Medio Ambiente que afectan ao agro:
Avespa Velutina: A conselleira dixo que Medio Ambiente só xestiona o trampeo en concellos con máis dun 10% de territorio en Rede Natura. No resto do territorio, entregan trampas a apicultores e apicultoras e asinan convenios con concellos para retirar niños. Seica un estudo da universidade desaconsella o trampeo masivo e o Ministerio de Agricultura non cren que a Velutina cumpra os criterios para declarala praga. A impresión que nos quedou sobre a xestión deste problema é que hai bastante pasividade, sen unha liña clara de actuación e moita descoordinación entre administracións.
Fauna salvaxe: Aínda sen censos, a conselleira compartiu con nós que hai un claro descontrol poboacional en determinadas especies e que habería que xestionar unha redución controlada do número de exemplares. O luns terán unha reunión na Xunta do grupo de traballo da fauna salvaxe.
Lodos de depuradora: Dende o SLG levamos anos denunciando o seu uso en agricultura, pois son contaminantes e conteñen metais pesados e outros refugallos tóxicos. A conselleira díxonos que haberá expedientes sancionadores polas intoxicacións que provocaron na Terra Chá.
Atrancos coas licenzas ambientais nos Plans de Mellora: Queixámonos á conselleira de que se estaban a perder axudas pola demora na concesión de licenzas administrativas dependentes de Medio Ambiente necesarias para acceder ás primas. Vázquez díxonos que na axenda da Consellaría estaba o tema de unificar criterios con Medio Rural para que non queden fóra expedientes por falla de licenza ambiental a pesares de cumprir os criterios de concesión.
Autorizacións de limpezas e cortas á beira dos ríos: Isabel Vilalba propúxolle á conselleira neste tema un modelo de autorización semellante ao das queimas: comunicación telefónica ou telemática e autorización no prazo dunha semana ou dúas trala comprobación do axente ambiental da zona. Neste tema concreto, Vázquez comprometeuse a poñelo en marcha. Tamén se comprometeu a que as prohibición de determinados traballos en zonas protexidas como a Rede Natura non poñan en perigo actividades tradicionais como a creación de pasteiros ou cortas con medios mecánicos sen empregar maquinaria pesada.