A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Outras>
  4. O SLG denuncia a imposición de multas a rabaños de vacas en Becerreá que criminalizan a actividade gandeira

O SLG denuncia a imposición de multas a rabaños de vacas en Becerreá que criminalizan a actividade gandeira

25 de Septembro do 2015

Vacas en Vilar de Ousón

Vilar de Ousón, na parroquia de Cruzul (Becerreá), ten unha soa pista de acceso. Por ela só circulan os vehículos que teñen as cinco familias que aínda viven na aldea, camiñan veciñas e veciños e transitan os rabaños de vacas das poucas granxas que aínda quedan en activo e que foi o medio de vida, xeración tras xeración, das familias que aquí moraron.

Por iso, cando a Nonito o parou este verán a Garda Civil de Tráfico, non daba creto ao que lle estaba a acontecer. El, como fixo durante toda a súa vida, e como fixeron tamén os seus devanceiros e agora seu fillo Xosé Antonio e a súa nora Carme, levaba as 22 vacas da familia pacer aos prados, ben guiadas polo seu caxato e os tres cans pastores que o acompañaban. E facíao por esa única pista que une Vilar de Ousón co resto do mundo. Pero os axentes da benemérita entenderon que levar o rabaño como o levou toda a vida era ilegal e multárono con 80 euros. Seica as vacas debían ir acompañadas por tres persoas, cada unha con chaleco reflector, e os cans con buceira. “Esa pista é a única vía pola que podemos levar as vacas pacer aos prados”, explica Xosé Antonio, fillo de Nonito. “Se levamos os cans con buceira, entón non valen para nada. En canto ao de ir tres persoas, xa caro custa vivir das vacas actualmente, que non nos dan suficiente para vivir, como para contratar xente para levalas pacer. Se temos que facer iso, é mellor vender todo e pechar a explotación”.

O máis absurdo desta situación é que miles de familias en Galiza levan, dende antes que existisen os vehículos motorizados e a Garda Civil, as vacas pacer aos prados, polo que non se entende que agora teñan que sufrir unha persecución policial por facelo. “Non ten sentido”, quéixase Xosé Antonio. “Se dás unha volta polas parroquias de Becerreá ou dos municipios da contorna, en cada lugar e aldea vas atopar rabaños. Por aquí teñen moito máis perigo as persoas da vila que pasean en grupos e camiñan polo medio e medio das pistas. Os veciños xa estamos afeitos e circulamos con moita precaución”.

O Sindicato Labrego Galego ten que criticar, unha vez máis, o feito de que as diversas administracións se confabulen para facer da actividade agrogandeira unha carreira de obstáculos da que cada vez é máis difícil vivir. A situación das granxas galegas de vacún para carne, como a desta familia de Vilar de Ousón, é dramática, pois os prezos da carne levan anos estancados e, nos últimos meses, cunha clara tendencia á baixa, polo que están lonxe de cubrir sequera os custes de produción desta actividade profesional. Esta mesma familia, hai catro anos, denunciou forestacións de terras agrarias flagrantemente ilegais e que condicionaban negativamente a súa actividade gandeira sen que as autoridades competentes movesen nin un só dedo para atender as denuncias e restablecer a legalidade. Sen embargo, agora acaban de ser multados por levar as vacas pacer como fixeron toda a vida. Xa non se trata de denunciar a inxustiza que supón que te multen por levar as vacas pacer; é peor o feito de que esta multa supón criminalizar a actividade gandeira e senta un perigoso precedente se, a partir de agora, a Garda Civil de Tráfico vai dedicarse a perseguir e multar rabaños de vacas nas parroquias. Por iso, dende o Sindicato Labrego Galego, pedimos ás xefaturas da Garda Civil de Tráfico da Galiza e, en última instancia, ao Ministerio de Interior, que deixen de perseguir unha actividade indispensable para o noso medio rural e para a sociedade como a gandería e que, no caso que nos ocupa, non supón ningún perigo para a seguridade viaria. Se realmente queren evitar riscos no tráfico de Vilar de Ousón, daquela poderiamos comezar con anchear a pista e sinalizar nela a presenza de gando para advertir aos vehículos que por alí circulen, cousa que, até o de agora, non se fixo.

Multa