A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Cambiar todo para non cambiar nada: Unha ‘nova’ PAC para os grandes terratenentes e perceptores

Cambiar todo para non cambiar nada: Unha ‘nova’ PAC para os grandes terratenentes e perceptores

16 de Xullo do 2021

Manifestación PAC Lisboa

O 14 de xullo, durante a Conferencia Sectorial de Política Agraria Común coas conselleiras e conselleiros de Agricultura das 17 comunidades autónomas, o ministro presentaba en Madrid a Proposta de Acordo para a elaboración do plano estratéxico da Política Agraria Común. Mentres o conselleiro, José González, celebraba a "boa sintonía", o ministro aproveitaba para lanzar unha serie de slogans sobre a natureza "igualitaria", "xusta" ou "ecolóxica" da PAC, que se desmenten a pouco que se afonde nos desenvolvementos concretos desta.

O Sindicato Labrego Galego veu insistindo en que esta PAC non é a PAC nin máis xusta, nin máis sustentábel. E parece que nin o Estado Español nin as comunidades autónomas pretenden aproveitar a grande marxe de manobra que teñen para mellorala. Pola contra, apuntan na liña de fomentar o conflito entre pequenas e medianas producións de todo o territorio estatal, de evitar a unidade entre quen temos o mesmo obxectivo: unha produción de alimentos en mans de pequenas granxas asentadas no territorio.

Unha PAC para os grandes

A definición normativa de 'persoa agricultora xenuína' que se perfila, así como os pagos máximos -que xa se están a situar en 200.000 euros para o pago básico- indican xa unha liña de continuidade, confirmada ao mirarmos para as axudas redistributivas que se teñen publicitado como as que virían facer unha PAC mais xusta.

Neste sentido, e á espera de máis concreción, parece que esa redistribución vai quedar apenas no nome: mínimo importe posíbel, e unha forma de aplicación que tampouco vai favorecer as granxas de menor dimensión dedicadas a agricultura e/ou gandaría. Outro exemplo dunha PAC que, ao tempo que se pinta de verde, vira as costas en cada oportunidade aos modelos multifuncionais, asentados no territorio e na pluralidade de paisaxes e diversidade de producións

Entendemos, doutra banda, que o sistema de dereitos permanece. Fica por ver como se van distribuír novos dereitos para os sectores que até agora estaban fóra: froitas, hortalizas e viticultura. En calquera caso, a perspectiva é mala, pois se aposta novamente no pagamento por superficie: A escolla é premiar o tamaño por cima de calquera outro criterio.

De novo, as moi pequenas explotacións galegas de horta, viñedo, ou froiteiras, vanse ver desfavorecidas por normas pensadas exclusivamente coa perspectiva de Madrid e doutras comunidades, para as que resulta incomprensíbel podermos vivir cunha hectárea de horta.

Máis importe para os mesmos e poderiamos perder máis de 50 millóns de euros do PDR

Non é posíbel valorar aínda como se concretarán os pagamentos, pois o documento do Ministerio non fala de importes das rexións nin se definen ecoesquemas. Agora ben, increméntase o importe da axuda asociada para o vacún de leite que, historicamente, foi empregada polo Ministerio para 'compensar' a mala posición comparativa en que nos deixa o pago por hectáreas. Porén, nesta ocasión cómpre colocar, ademais, o sinal de alarma e esixir un reparto xusto para as granxas pequenas, pois os indicios apuntan a que ese incremento no importe estea pensado para as explotacións máis grandes, e a intención política por tras estea relacionada coas mobilizacións do leite de Andalucía.

Noutro aspecto, o do financiamento do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), entendemos que os números son peores para Galiza, aínda á espera de comprobarmos que o motivo sexa teren diminuído os importes para todo o Estado. Coa información dispoñíbel, pasamos de 889,8 millóns de euros polos fondos FEADER a 836,7 millóns, incluíndo xa os fondos Next Generation que se distribuíron na anualidade 2021 e 2022.