A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. O SLG pídelle ao ministro Luís Planas que Galiza non siga a ser a grande discriminada do Estado na PAC

O SLG pídelle ao ministro Luís Planas que Galiza non siga a ser a grande discriminada do Estado na PAC

15 de Xaneiro do 2021

Isabel Vilalba

O ministro de Agricultura, Luís Planas, mantivo, o 15 de xaneiro, un encontro con representantes do agro galego entre os que se atopaba a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba Seivane. A reunión tivo lugar no Palacio de Congresos de Santiago e a ela acudiron, entre outras persoas, o conselleiro de Medio Rural, José González; o director xeral de Producións e Mercados Agrarios, Fernado Miranda; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; e representantes doutras organizacións e cooperativas agrarias.

Un dos temas centrais da xuntanza foi o deseño da nova Política Agraria Común (PAC), que se atopa agora nun intre excepcional das negociacións, coa elaboración do Plan Estratéxico da PAC por parte do Ministerio de Agricultura, que será o que marque a política agraria do Estado e a distribución das axudas comunitarias destinadas ao agro até 2027. Respecto disto, a secretaria xeral do SLG denunciou diante de Planas que os criterios de reparto actuais, en base ao número de hectáreas xestionadas polos perceptores, fan de Galiza a grande discriminada do Estado. De feito, a nosa terra é a única comunidade na que hai máis cotizantes á Seguridade Social Agraria que perceptores da PAC; no resto do Estado acontece xusto o contrario (en España hai 600.000 perceptores da PAC que non son agricultores). Tamén son os labregos e as labregas da Galiza dos que menos axudas da PAC cobran, sendo a media galega de 2.590 € fronte aos case 4.000 € da media estatal.

Para poñer fin a esta inxustiza, Isabel Vilalba defendeu a necesidade de que muden os criterios de reparto, dando prioridade a outros de maior impacto social como o número de postos de traballo xerados por cada hectárea agraria. Precisamente, na actual situación de crise en diversos sectores agrogandeiros provocada pola Covid-19, faise máis necesario que nunca redistribuir dunha maneira máis xusta e igualitaria os cartos da PAC e atendendo sempre a criterios sociais.

Neste senso, a secretaria xeral do SLG reclamou que se baixe o tope por axuda: fronte aos 100.000 € como máximo que propón o Ministerio de Agricultura, dende o SLG defendemos baixar moito máis ese tope, de maneira que os cartos da Política Agraria Común teñan unha distribución máis xusta e beneficien realmente aos e ás profesionais da agricultura, incluíndo importantes sectores que ficaron até agora fóra destas subvencións na Galiza, como o vitícola ou o hortícola.

Sen deixar o novo deseño da PAC, Isabel Vilalba tamén falou dos ecoesquemas, denunciando que se estaban a deseñar atendendo á realidade agrícola do sur e do centro peninsular e sen ter en conta a idiosincrasia de Galiza e as demais comunidades da Cornixa Cantábrica. O ministro expresouse a favor da proposta do SLG de manter as axudas acopladas en sectores como o de vacún, ovino e caprino.

POR UNHA LEI DA CADEA ALIMENTARIA MÁIS EFICAZ E POLA APLICACIÓN DO DECRETO DOS XURROS A QUEN REALMENTE CONTAMINA

Outro dos temas de traballo da xuntanza con Luís Planas foi a Lei da Cadea Alimentaria, en cuxa reforma está traballando o Ministerio de Agricultura. Isabel Vilalba avogou por reforzar a posición do elo máis feble, o da produción, creando mecanismos que agora mesmo a lei non contempla para solucionar de maneira áxil e inmediata os abusos -prezos por baixo dos custes de produción, impagos, etc...- cando os haxa. O feito de que un labrego ou unha labrega teñan que recorrer á Xustiza crea desamparo, xa que a demora do proceso, a posibilidade de represalias e a inseguridade do resultado final fan que as persoas afectadas non denuncien. Tampouco está a resultar eficaz a imposición de grandes multas, xa que o impacto delas nas empresas pode repercutir negativamente nos produtores e nas produtoras e porque esa multa non garante case nunca que o prexuízo causado aos produtores e produtoras vaia ser reparado. Deben crearse ferramentas para que en canto se denuncie un abuso poida ser atallado de inmediato.

Finalmente, tamén se falou do decreto dos xurros. Isabel Vilalba expresou a súa preocupación por que obriguen a facer un grande desembolso de cartos en maquinaria innecesaria (inxectores de xurros) ao tempo que os que realmente contaminan -producións intensivas, especialmente dos sectores porcino e avícola- poidan seguir facéndoo.

Encontro SLG-Luís Planas