A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Política Agraria>
  4. Días decisivos para o futuro da Política Agraria na Galiza: sen noticias da Consellería do Medio Rural

Días decisivos para o futuro da Política Agraria na Galiza: sen noticias da Consellería do Medio Rural

23 de Xullo do 2020

PAC

 

O acordo alcanzado onte entre os Xefes de Estado e de Goberno para orzamento da PAC no período 2021-2027, é realmente malo para as explotacións galegas e as implicacións na Política Agrícola Común van máis alá da diminución dos fondos.

Con ser moi malo o recorte de fondos, desde o Sindicato Labrego Galego pensamos que pode ser moito peor para Galiza o resto das cuestións referidas á PAC que se reflicten no acordo. Non deixa de ser curioso que uns poucos aspectos reflectidos no acordo poidan ter tal influenza no que vai ser a PAC a partir do 2023 e incluso antes.

Polo que se refire á diminución de fondos, segundo os cálculos da COAG, o Estado Español tería no seu conxunto uns 804 millóns menos e hai unha rebaixa xeral do 12,2% , máis acusada no apartado de Desenvolvemento Rural (-19,7%). Ademáis reduciron á metade (7.500 agora) o importe que tiñan previsto incorporar ao desenvolvemento rural para afrontar a transición verde.

Esta rebaixa xa se vai facer evidente para os pagos que se fagan con cargo aos orzamentos do ano 2021. A estrutura dos pagos directos vai seguir igual durante os anos 21 e 22, pero con este novo orzamento polo que, seguramente, será un pouco menor pero non deberiamos ter grandes cambios no que se percibe.

No ano 2023 entrará a nova estrutura da PAC e entón sí que imos notar os cambios, e non só polo menor orzamento. Esta nova estrutura estase organizando agora mesmo, dentro de seis meses xa vai ser tarde para aportar. Mañá, 23 de xullo, hai unha xuntanza entre o Ministerio de Agricultura Español e as Consellerías de Agricultura de todas as comunidades autónomas para definir a nova estrutura. E isto si que vai ter extraordinaria importancia para todas as explotacións galegas. Sabemos que vai defender a Consellería para Galiza? Non.

O importe de fondos para Galiza depende desa menor asignación para o Estado español, pero depende aínda máis de como se repartan dentro do Estado español eses fondos cumprindo cos Regulamentos que se aproben na UE.

E aquí entramos nos temas que figuran neste acordo, que non só non modifican a estrutura dos pagos actual, empeoran bastante o que había ata o de agora. Das cuestións que figuran, hai una só parcialmente positiva que é o incremento do cofinanciamento dos fondos de desenvolvemento rural: cremos que non é suficiente, pero mellórase respecto á proposta de Regulamento. E temos dúas cuestións que nos parecen unha tomadura de pelo para todas as persoas que se dedican a agricultura e a gandería e máis para as galegas:

1.- O capping, o límite de pagos, empeora con respecto á proposta inicial : voluntario para os Estados, a partir dos 100.000 euros , só para a axuda básica á renda e coa posibilidade de restar custes laborais. Esto significa que teremos menos fondos, pero as explotacións que cobran moito, seguirán cobrando moito: no Estado imos seguir tendo perceptores de PAC de varios millóns de euros. Na Galiza, que cobren máis de 100.000 euros de pago básico hai dúas explotacións.

Esto implica que a tan cacarexada mellora no reparto das axudas queda, como sempre, nos papeis: o 20% dos perceptores van seguir cobrando o 80% dos fondos e xa veremos se non hai concentración aínda maior polo seguinte punto.

2.- A converxencia dos pagos directos por hectárea. Din que no ano 2022 todos os Estados membros terán un nivel de polo menos 200 euros por hectárea e todos os Estados membros alcanzarán polo menos 215 euros por hectárea en 2027. Neste caso, Galiza perde sempre dentro do Estado e dentro de Europa, porque ten unha porcentaxe Superficie Agraria Útil das máis baixas do Estado e de Europa e dentro desa SAU temos moitas hectáreas que non cobran PAC neste momento e temos unha superficie media por explotación moi baixa. Por estas peculiaridades galegas, esta converxencia dos pagos directos pode ser extraordinariamente negativa na Galiza posto que o pago por hectárea vai sufrir bastantes variacións para adaptarse á converxencia e vai significar outro reparto de fondos distinto por rexións dentro do Estado.

O resto das cuestións que figuran no acordo tamén son moi importantes e iremos vendo como se concretan: Posibilidade de traspasar ate o 25% dos fondos entre piares (incluso maior porcentaxe en certas circunstancias), o importe da reserva de crise e de onde saen os fondos , 500 millóns para desenvolvemento rural no Estado español a maiores.

O Sindicato Labrego Galego pensa que os pasos que se están dando para a reforma da PAC van seguir afondando nunha PAC que, claramente, fracasou. Fracasou en toda Europa, e aínda máis na Galiza, no mantemento da agricultura familiar no territorio e fracasou no establecemento de rendas dignas para as produtoras e produtores. Todo apunta a que vai seguir sendo o mesmo pero peor: probablemente as pequenas explotacións cobren menos aínda porque, por un lado temos menos fondos, e ademáis, polo que deixan ver eses dous puntos, as grandes explotacións queren seguir cobrando o mesmo e están facendo o posible para que nada cambie, eso sí, todo revestido de loita contra o cambio climático e sostibilidade medioambiental cando é este sistema agroindustrial promovido pola PAC e destinado á exportación o que contribúe realmente ao cambio climático.

Desde o Sindicato Labrego Galego seguimos reclamando unha Política Agrícola Común que avance xa na transición cara modelos agroecolóxicos, cun orzamento suficiente, cunha “axuda básica á renda” que responda de verdade ao seu nome, cunha axudas que se paguen ás persoas e non as hectáreas, cunha verdadeira simplificación que faga a PAC entendible para as persoas e que poña no centro da PAC uns prezos xustos.

Ficheiro adxunto