A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Pequenas explotacións>
  4. A CMR reafírmase publicamente no castigo ás granxas de carne e minte sobre o reparto das axudas PAC

A CMR reafírmase publicamente no castigo ás granxas de carne e minte sobre o reparto das axudas PAC

25 de Novembro do 2022

zln

A documentación do FOGGA confirma que a CMR eliminou as axudas ZLN, tanto para as explotacións de carne como de leite. Esiximos á CMR que devolva os 8 millóns de euros de axudas públicas PAC que até o dagora chegaban a 8.255 granxas galegas

A Consellaría do Medio Rural reafírmase públicamente no castigo ás granxas de carne. Logo de denunciarmos o pasado mércores que a Xunta de Galicia vaille quitar a 8.255 granxas as axudas por zona desfavorecida, hoxe coñecemos a través dun medio de comunicación que a Consellería do Medio Rural confirma que lles quitará ás granxas de carne as axudas en Zonas con Limitacións Naturais (ZLN) distintas de zona de montaña, ao tempo que afirma, erróneamente, que llas manterá ás granxas de leite, confundindo distintos tipos de axudas públicas.

Na súa argumentación, a Consellaría mestura a supresión das axudas a Zonas con Limitacións Naturais (ZLN), que decide a Xunta, coas axudas acopladas para vacún de leite, dependentes do Ministerio, e para as cales non é preciso ser cotizante da seguridade social. Polo tanto, a realidade é que a Consellaría do Medio Rural non ten intención de pagarlle a axuda ZLN nin ás granxas de carne nin ás de leite.

Ca resposta trasladada aos medios de comunicación, ou a Consellaría está a ficar en evidencia revelando un fondo descoñecemento de cales axudas dependen deles e cales doutras administracións, coma o Ministerio; ou minte intencionadamente para disimular o maltrato ás granxas galegas, e nomeadamente ás granxas de vacún de carne.

Semella que a Consellería descoñece o que di a documentación e a información sobre a nova PAC para o período 2023-2027, malia a que se pode consultar na páxina web do FOGGA, organismo dependente da Consellaría, ou nas propias charlas que o FOGGA impartiu. Nesta información pódese comprobar que as axudas para ZLN distintas de zonas de montaña desaparecen dos plans da Xunta, sen excepcións nin para leite nin para carne.

De xeito intencionado ou por ignorancia, a Consellaría está a confundir estas axudas coas acopladas que programa o Ministerio, previstas tanto para as granxas de carne como as de leite, que ademáis se no caso do leite se incrementan respecto a outros anos, é precisamente a modo de compensación ou premio de consolación para Galiza, por perder peso na negociación do valor dos dereitos de pago básico ou renda básica.

As axudas de zonas con limitacións naturais son axudas do segundo piar que dependen da Consellaría do Medio Rural e que deliberadamente decidiu suprimir, fomentando a precariedade e o abandono de granxas que contribúen a día de hoxe a manter poboación, preservar a actividade agrogandeira e evitar o abandono de terras. Segundo di, pasa eses fondos supostamente a outras axudas, pero en realidade non modifica outras partidas orzamentarias máis cuestionables do segundo piar.

Ademais, se actualmente as axudas de ZLN distintas de montaña son maioritariamente para explotacións de leite intensivas, como afirma a Consellería, é precisamente pola súa decisión de suprimir o límite de 2 UGM/Ha dende 2015. Deste xeito, no pasado primábanse as granxas cun equilibrio territorial acorde coa carga gandeira, e con esta modificación a CMR o que fixo foi derivar estes cartos públicos cara a modelo agroindustrial que ao longo destes anos vén privilexiando en detrimento das pequenas e medianas granxas, o modelo labrego galego. A resposta dada pola Consellería do Medio Rural confirma o seu desprezo ás granxas de carne das zonas con limitacións naturais distintas de montaña.

Reiteramos a deuncia realizada o pasado mércores: se a Consellaría do Medio Rural non cambia de actitude deixará arredor de 8.000 granxas sen uns 8 millóns de euros. Dende o Sindicato Labrego Galego faremos unha petición por escrito á Consellaría do Medio Rural, para que aclare toda a información ao respecto esta axuda, e ao mesmo tempo reafirmámonos na defensa das granxas de carne esixindo que á CMR que corrixa inmediatamente esta nova discriminación ás granxas galegas.

Aproveitamos tamén para lembrar que o mes pasado o Tribunal Supremo rexeitou o recurso de casación da CMR en contra da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que confirmou xa a existencia dunha discriminación da maioría das granxas de carne, neste caso nas axudas COVID-19, polo que dende o SLG-CCLL manterémonos alerta fronte a calquera outro intento da Consellaría de excluír ás medianas e pequenas granxas galegas dos apoios públicos aos que teñen dereito e que son fundamentais para manter un medio rural vivo.