A Soberanía Alimentaria, garantía de futuro

Menú Principal

Menú de Destacados

  1. Portada>
  2. Novas>
  3. Pequenas explotacións>
  4. As macrogranxas son absolutamente incompatibles con un medio rural vivo

As macrogranxas son absolutamente incompatibles con un medio rural vivo

7 de Xaneiro do 2022

macrogranxas

Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) queremos expresar a nosa preocupación pola frivolidade ca que certos sectores están a instrumentalizar as declaracións críticas cas macroexplotacións intensivas realizadas recentemente polo Ministro de Consumo, Alberto Garzón, a un medio británico.

Na Galiza a media de vacas por granxa son 18 (2021), e o 90% dos cebadoiros teñen unha pequena dimensión para este tipo de instalacións e un funcionamento a escala familiar, sendo o modelo maioritario a gandeiría tradicional con terra. Abondarían 23 macrogranxas como a que se pretende construir en Noviercas (Soria) -de 23.500 vacas-, para destruír as 29.282 granxas de bovino que traballan actualmente no noso país.

As labregas e labregos, e a sociedade galega, témolo claro: as macrogranxas non son o modelo produtivo que queremos na nosa terra. Instamos aos distintos partidos políticos galegos a expresar públicamente cal é a súa posición ao respecto, é dicir, que tipo de modelo apoian, se están cas macrogranxas da industria cárnica ou cas explotacións familiares das labregas e labregos.

A produción intensiva de carne en macrogranxas reduce biodiversidade, contamina solos e augas, acelera o despoboamento das zonas rurais e presenta un produto final ás persoas consumidoras que obvia por completo o benestar animal, elaborado en base ao emprego intesivo de antibióticos, fertilizantes e unha ampla gama de produtos químicos con forte impacto contaminante.

A contaminación de augas por nitratos asociada aos puríns da gandeiría industrial sen terra, como os producidos pola multitude de veces sancionada macrogranxa de Caparroso (Navarra), ou instalacións similares en Aragón ou Lleida, representa un grave perigo para a veciñanza, e é preciso adoptar medidas con urxencia. A recente contaminación extrema do Mar Menor (Murcia), derivada da eutrofización por actividade agraria intensiva, evidenciou fai poucos meses esta alarmante realidade a nivel estatal. Na Galiza, un estudo realizado pola Universidade de Vigo (2020) aplicado á comarca da Limia (Ourense) concluíu que tres fontes naturais e máis da metade dos pozos analizados presentan contaminación por nitratos atribuíbeis á agricultura e gandaría intensivas, excedendo ademais algunhas mostras o límite legal permitido para outros elementos e compostos.

A situación é tan alarmante que o Estado español, primeiro produtor de porcino a nivel europeo -e en aumento-, ten aberto dende o ano 2018 un expediente por incumprir a normativa comunitaria fronte á contaminación por nitratos procedentes da actividade agraria, e fai apenas un mes a Comisión Europea anunciou a súa denuncia diante do Tribunal de Xustiza da UE.

Os impactos social e medioambientalmente negativos da produción industrial de alimentos veñen sendo constatados científicamente nas últimas décadas. Mención a parte merecerían crises mundiais específicamente xeradas pola cría industrial de gando, como a das Vacas Tolas (2000), a Gripe Aviar (2004-2006) ou a Gripe Porcina (2009-2010). Ou a xa fondamente estudada relación entre a alimentación agroindustrial e procesada e o aumento dos casos e tipos de cancro.

Entre as voces que están a diluír o fondo da cuestión ao fío da polémica, resultan especialmente lamentábeis as declaracións do Ministro de Agricultura, Luís Planas, a quen non escoitamos nunca para defender ao sector leiteiro, nin para defender aos sectores produtores na negociación da vindeira PAC, nin tan sequera para adopar medidas que poñan fin ao flagrante incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, pero si para apoiar ás macrogranxas de carne. Segundo o Instituto Nacional de Estadística (INE, 2020) a industria cárnica ostenta unha cifra de negocio dun 22,2% -case 28.000 M€- de todo o sector alimentario español. Representa o 2,32% do PIB estatal, é un sector poderoso e influínte.

Defender á agroindustria é defender un modelo moi determinado. Cantas máis macrogranxas, menos granxas familiares. Cantas menos granxas familiares, máis despoboamento e maiores extensións de terra fican ás expensas deste tipo de produción esquilmadora que arrasa cos recursos naturais. En resumo, cantas máis macrogranxas, menos vida.

Dende o SLG reiteramos que a produción agroindustrial é incompatíbel con un medio rural vivo. Ou un modelo de moitas pequenas explotacións en extensivo, producindo sostíbelmente e poboando o territorio, ou macrogranxas intensivas amoreando animais e devorando a biodiversidade de extensións de terra baleiradas das persoas que as habitaban e traballaban, afastando os alimentos saudábeis do alcance das persoas e acrecentando a nosa dependencia de dinámicas comerciais que en absoluto respectan o máis mínimo o dereito a alimentación.

Reiteramos: a produción maioritaria de carne de bovino e de ovino en Galicia é en extensivo, e a totalidade da produción con razas autóctonas. De feito, nestes anos no Consello Regulador de Ternera Galega non deixou de medrar a Ternera Galega Suprema, que a día de hoxe é a produción maioritaria no Consello Regulador.

Demandamos responsabilidade política -e mediática-, non ceder ante a influencia dun sector tan poderoso como é o cárnico industrial a nivel do Estado español, e apostar por unha produción de carne de calidade, como son a inmensa maioría de granxas galegas, impedindo con contundencia a expansión do lesivo modelo de macroexplotacións intensivas e fábricas de alimentos.